Galicia, 1977-2057

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar A SÍNDROME G

OPINIÓN

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

1977. Como eramos? A algúns pareceralle a prehistoria pero, para os que vivimos nese ano, foi onte. Nós, como individuos, estamos condenados a morrer, pero non o pobo galego. Se se reproduce, vivirá. E, de hoxe noutros corenta anos, como ha ser Galicia? Non o sabemos, pero hai indicios en certos eidos. Se non cambiamos de actitude, no 2057 nacerán menos de 10.000 meniños, a metade dos nacidos o ano pasado. Menos dun cuarto do 1977. Perderemos arredor dun millón de galegos, porque cada ano morrerán máis dos que nacerán. Todo canto estea a máis de 80 quilómetros da costa quedará a toxos, agás pequenos illotes cheos de vellos, e non haberá galegos cos que repoboar o noso depreciado interior. Como a natureza repele o baleiro, haberá quen pense en facilitar a chegada doutro millón de foráneos, que os avellentados galegos non poderán integrar. Isto non é distopía. Isto é pura mecánica.

Noutros ámbitos melloraremos. Os que sobrevivan farano nunha especie de reserva ambiental europea. Con menos presión humana medrará a fauna autóctona, os ríos estarán máis limpos, o ar máis san. Se cadra non sexa mal negocio para os poucos nenos galegos do 2057. Claro que eles van ter que soster axiña cos seus impostos a máis de dous vellos por cabeza. Pero se conseguimos que estean mellor formados, se cadra chegan ser tan produtivos e eficientes como os surcoreanos. Mellorar os resultados por cada euro investido en educación será determinante. No resto, case todo son brétemas e néboas. Somos españois, somos europeos, e todo canto aconteza en España e en Europa influirá en nós. Se España se converte nun Estado fallido, ou se implosiona Europa, todas as proxeccións mudarían, agás a demográfica, que é testana.

Mais unha cousa engadida podemos albiscar. É que os cambios de hoxe noutros corenta anos bulirán a maior velocidade que de 1977 ao 2017. A aceleración da historia tamén nos afecta aos que vivimos no finisterrae da civilización europea. Diso vaise falar no Museo do Pobo Galego, unha singular institución civil anterior ás institucións autonómicas, e que conserva o cerne do noso pobo, o Graal de Galicia. O noso pobo. De hoxe noutros corenta anos é o ciclo de foros que organiza este noso atípico museo que, preservando o pasado, olla cara o futuro. Querer ser museo do futuro é tamén ben singular. Alguén ten que facelo. Canda menos por san patriotismo, de pater, de petrucio. Soa pretérito, antigo. A mercadotecnia mercantil e política desaconsella falar do vello. Todo debe subliñar o novo e o cambio para vender máis. Que lle imos facer. A bioloxía vai por outro camiño, e sen bioloxía non pode haber cultura. Nada máis antigo có amor creador de nova vida, dun rapaz e unha rapaza que comezan a mirarse aos ollos no instituto. Aí renace todo, de novo, outra vez, a apocatástase, o eterno retorno vivificador. Que Galicia viva, e viva chea de vida, depende deses cativos e mozos que hoxe non saben disto. Se vindes ao Museo do Pobo, comprenderédelo.