Menos mal que nos queda Portugal

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DEL PP EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É frecuente, en política, o uso de referentes. O que non deixa de ter o seu aquel, porque os estudos académicos realizados (métodos estatísticos, períodos longos) o que amosan é que os resultados das eleccións dun país non teñen influencia algunha nos demais países do seu entorno. Ou sexa, que un populista gañe nos Estados Unidos non implica que gañe outra populista en Francia; ou que o PP gañe en Galicia non conleva que o PP mellore na Comunidade de Madrid. Máis a análise dos referentes utilizados no discurso político, como recurso dialéctico, permiten seguirlle a pista aos obxectivos e medios que as forzas que elixen eses referentes pretenden aplicar de chegar a gobernar.

Así, e por exemplo, cando se trae a Tsipras a Compostela para presentalo como o exemplo de rebeldía que un quere seguir, e pasado un tempo Tsipras deixa de ser referente porque acepta as receitas e condicións pactadas coa Unión Europea, é evidente que se está a mandar unha mensaxe. E cando unha das principais responsables (e en ascenso) da mesma esquerda rupturista e portavoz de Sanidade intervén no Parlamento de Galicia portando na súa vestimenta o slogan «Chavez te lo juro, yo voto por Maduro» tamén é evidente que se quere mandar outra mensaxe: falando de política e particularmente de sanidade, Maduro é un referente.

Hai uns días foi destituída a ministra de Sanidade de Venezuela, apenas catro meses despois do seu nomeamento. Parece ser que o cese foi debido á publicación das estatísticas de mortalidade materna e infantil, e da incidencia do dengue, a malaria e outras enfermidades, que amosaban un importante deterioro sanitario no país caribeño. Pero como podería ser posible que o capitalismo mediático contaminase a información sobre os motivos do cese e a situación da sanidade venezolana, é mellor prestarlle atención ás estatísticas que fan os expertos que, como os numerosísimos participantes no estudo que acaba de facer público The Lancet, informan que Venezuela (65 sobre 100) ten unha sanidade pública máis ben feble: a once puntos de Chile e 9 por baixo de Cuba, na súa área xeográfica; e a 25 de España, que con 90 figura empatada con outros referentes como Suecia, Noruega ou Finlandia. O que, por certo, e tendo en conta o período analizado (1990-2015) desfai dous mitos de distinto signo ideolóxico: o do desmantelamento do público, ao resultar España o cuarto país cunha mellor sanidade pública do mundo; e o da inutilidade e ineficiencia do Estado autonómico, ao estar a sanidade plenamente descentralizada.

Lembro que ao pouco de saír o terceiro disco dos Siniestro, Menos mal que nos queda Portugal, e cuestionado nunha entrevista radiofónica pola elección do título, un dos membros da banda dixo algo así como que o puxeran porque eran de Vigo, porque se chegan a ser de Barcelona o terían titulado Qué chorra que nos queda Andorra. Lembrei a anécdota ao comprobar que Portugal comeza a soar como referente da esquerda rupturista con cada vez maior intensidade. Algo imos gañando con este referente no terreo político e constitucional, posiblemente tamén no musical, e desde logo no sanitario: o país veciño, con 85 puntos, figura, pese a que a súa sanidade pública introduciu o copago na asistencia médica pública, no posto 35 e empatado co Reino Unido na clasificación de The Lancet. Unha clasificación de países do mundo que encabeza, con 95 puntos, Andorra, ese pequeno principado pirenaico que xa era, antes de coñecerse este listado, o país referencial dalgún que outro líder nacionalista catalán. Pola súa sanidade, claro.