Franco quería un pazo e un val

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andan a discutir nestes días no Parlamento sobre o Pazo de Meirás e no Congreso sobre o Val dos Caídos, dous incómodos vestixios da memoria. Lugares que denigran o presente porque non logramos convertelos en pasado. En realidade son as súas señorías -algunhas- quen non facilitan que o pasado pase e seguen empeñadas en asumir o secuestro das súas ideas e vontades do presente por pantasmas e propagandas mortas. En Alemaña segue habendo nazismo cultural e mesmo político, como en Polonia, Hungría ou Grecia. De Francia nin falemos. En España, por moito que algúns se empeñen, non hai apenas fascistas en comparación cos países citados: é unha evidencia empírica logo de catro décadas de resultados electorais. Nin sequera, por moito que se escandalicen outros, quedan apenas franquistas que se atrevan a reivindicar politicamente a ditadura. Por contra, a diferenza dos países citados, a dereita española non se atreve cos símbolos. Unha e outra vez cae na mesma fochanca. Non sei se segue secuestrada polo relato franquista do pasado, pola orixe dos seus fundadores ou ten a errada conciencia de que os seus votantes son moito máis franquistas do que din os estudos de opinión e os resultados electorais.

Debe darlles vergoña o que acaban de facer en Santiago co asunto de Meirás e en Madrid co Val dos Caídos. Falando en propiedade hai que preguntarse por que os Franco teñen ese pazo? Esas torres fidalgas de Meirás que pertenceron á familia de Pardo Bazán, vía Pardo de Lama e Patiño. Seguramente pola mesma razón que no franquismo se fabricaron máis títulos nobiliarios que nunca: polo desexo de ennobrecerse dos vencedores da guerra que atoparon nesta vía a mellor forma de agochar a súa vileza de 1936. O pazo é un botín de guerra e só pode ser entendido e explicado así. Un latrocinio, menos pío que aquel das reliquias de Braga que bautizou Xelmírez. Vendido polas herdeiras lexítimas foi mercado con diñeiro público, derramas e pagos forzados dos veciños. Fálase moito de ameazas e extorsións pero o certo é que en 1938, sobre milleiros de vítimas, as autoridades militares non tiñan que facer esforzo para facer cumprir a súa vontade. O espolio continuou roubando escudos, fontes, cruceiros e aínda estatuas da catedral compostelá. E seguirá até que se restitúa.

En propiedade, o Val dos Caídos non é unha basílica nin un cemiterio, senón un campo de concentración. Foino de 1939 a 1959, así sería lembrado en toda Europa e así habería que significalo. Pero é o exemplo presente do dominio memorial da rebelión militar kafkiana e da ditadura orwelliana. Tamén da incapacidade da democracia española para dar significado a ese enxendro kitsch, a un Juntacadáveres pouco anterior á novela de Onetti. Asombra a dificultade para espir o significado do enclave, agochado por capas de coartadas, incluída a cruz máis grande do mundo. Foi un dos 104 campos organizados pola Dirección General de Campos de Concentración e así figura nos mapas oficiais da época.