Os disfraces de Macron

OPINIÓN

22 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que nos queren vender que Macron integrou un equipo de «diferentes sensibilidades políticas», dende o centrista Bayrou ao socialista Jean-Ives Le Drian, pasando polo conservador sarkocista Gérad Darmanin, despois de ter nomeado primeiro ministro ao conservador Éduard Philippe. 

Se reparamos nos demais nomeamentos teremos: que Economía e Acción e Contas Públicas (Le Maire e Darmanin) pasan á dereita, Interior e Exteriores a socialistas, Xustiza a Mo Dem, Defensa á eurodeputada Sylvie Goulard e Transición ecolóxica ao activista Nicolas Hulot. A tan cacarexada paridade queda confinada a departamentos sen entidade especial. O común denominador, lonxe das supostas diferentes sensibilidades, é o predominio da dereita máis conservadora, ao menos nos ministerios máis significativos.

O que demostra que Macron é fiel á súa orixe e á súa feitura política. Pois unha das maneiras de facer crible que propón un cambio de política, dentro de formas democráticas usuais, é xusto chamar a varios partidos a colaborar nun goberno que permita suxerir «diferentes sensibilidades políticas», pero sen saírse dun mesmo común denominador.

Hai quen pensa que hoxe Rothschild está finchado e satisfeito E que o éxito de Macron é o seu éxito. E que os tecnócratas do equipo deste están ao servizo do capital e dos bancos -o que non semella tan desavido se pensamos no entusiasmo que o novo presidente de Francia provocou entre os líderes europeos-.

Tamén hai quen agarda, como o meu amigo Carlos Baliñas, que por ter sido Macron alumno do filósofo Paul Ricoeur, algo deste se lle terá pegado e que a esperanza non estea perdida por enteiro. Xa veremos a quen escolle: se ao seu mestre ou aos seus nefastos compañeiros europeos. Ou se lle deixarán escoller.