O rock liberador

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira vez que fun a un concerto, tiña trece anos, aprendín de cor as cancións, organicei un itinerario para ir xuntos desde a porta do colexio á do concerto, logrei que nos adiasen un exame de lingua, e estaba morta de medo. E iso que naquela primeira xira de Alejandro Sanz, non había Estado Islámico, nin fora o 11-S nin o 11-M, e aos drons chamabámoslles «avións teledirixidos». 

Había unha guerra en Irak, si, pero aquilo era, coma diría o outro, un deserto distante. Para nós o perigo reducíase aos coches que estalaban en Euskadi. Nada máis. E aínda así, alí estaba eu, cun ollo posto na saída de emerxencia, rodeada de centos de raparigas afervoadas. Só respirei ao me deitar. Co meu derradeiro pixama da sección infantil, antes de quedar durmida aledeime de saír ilesa da miña primeira aglomeración nun polideportivo.

O medo empezara co permiso para ir ao concerto e medrara ao ir soa no bus mercar a entrada. Pero esmoreceu pola mañá, ao almorzar baixo as ordes da miña nai. Desde entón foi así: o medo vai e vén ao son da miña teima libertaria.

As mulleres aprendemos axiña que ser libre implica vivir con medo, porque así é como se apropian das nosas vidas e dos nosos corpos. Logo, coma calquera, imos adaptando a lección ás cousas inimaxinábeis, coma esta guerra santa que é hiperbólica e imaxinativa e que manexa medos que nós xa esqueceramos: se algo horroriza máis cás bombas, é unha morea de adolescentes educados na liberdade antes ca na conciencia política, ou relixiosa, ou partidaria, ou económica.

Por iso os mataron, para aniquilar as mentes limpas. Pero como a liberdade temeraria é a máis marabillosa de todas as liberdades, o show vai continuar, coma se nada.

Como ten que ser.