Mestres

OPINIÓN

28 may 2017 . Actualizado a las 17:48 h.

A docencia converteuse nunha profesión certamente controvertida. Ás tensións emocionais co alumnado, coas familias, cos compañeiros ou cos equipos directivos, adoitan sumarse opinións desafortunadas de persoas que gustan de minar o creto docente con razoamentos peregrinos que teiman no pretexto das vacacións excesivas. Triste, porque eu son da opinión de que o mestre debería ser a persoa máis valorada da sociedade, por riba de xuíces, médicos ou enxeñeiros. Mais ese prestixio, esa auctoritas tamén hai que a gañar día a día, non por decreto senón coma un exercicio constante. Para iso é importantísimo que o docente sexa dentro e fóra da aula un modelo activo. Por exemplo, se o mestre non é un lector, nunca conseguirá que o seu alumnado lea. Do mesmo xeito que ensinar é espertar dúbidas no alumnado, formalo na diverxencia, facelo crítico, cómpre que o profesorado tamén o sexa. 

Ao longo da vida un vai atopando un perfil variado de profesores que nos constrúen. No curso 1980-81 inaugurouse o instituto de Bacharelato de Xinzo e alí chegou un profesor con certo aire de seminarista e unha forte vontade de ensinar. Axiña foi elixido director e o prestixio do centro consolidouse en poucos meses. Na súa primeira clase petou na porta para nos explicar os conceptos de emisor e receptor, e non tardou en se emocionar mentres nos recitaba un poema de Miguel Hernández. Souben así que estaba diante dun profesional, innovador, que establecía fortes vínculos co alumnado e cría no poder da lingua. A súa presenza influíu tanto en todos nós que, hoxe, sabedor da súa xubilación, traio aquí o seu alto exemplo e érgome en portavoz de moitas xeracións de estudantes para lle rendermos unha humilde homenaxe a quen foi un gran mestre: Luis López Grillé. Grazas.