Esa estraña igualdade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días comentabamos en grupo a devandita igualdade das mulleres no ámbito laboral. Fáganme caso. Hai infinitos casos nos que non cobramos o mesmo ca os homes polo simple feito de ser mulleres. Dígollo eu porque o sei. 

E o triste é que o maior problema non é ese. O maior problema é que non contamos igualdade para obter o posto de traballo. Non nos miran igual.

A miña amiga pasou un longo e complexo proceso de selección. Na última cita déronlle os parabéns, porque fora a mellor candidata e, porén, a merecente do emprego. Foi entón cando ela lles comunicou que acababa de quedar embarazada. E xusto nese intre rematou toda posible colaboración laboral.

A Administración ten que poñer o ollo e a man aí, na empresa privada. Porque non todo o mundo vai ser funcionario e, porén, non todas as mulleres van estar protexidas ante tales inxustizas. O empresario, por suposto, necesita axudas. E é a el a quen lla temos que brindar. Eu non quero 3.000 euros por ter un fillo, eu quero ter un soldo a fin de mes, unha ocupación.

Por todo isto non me parece lóxico que se o Supremo falla a favor dos centros andaluces de educación diferenciada recoñecéndolles o dereito a concerto, pois non considera que a educación diferenciada sexa discriminación por sexo. Que queren que lles digan. Se se separan de cativos... ai cando medren!

Tres mazás e dúas peras sempre serán tres mazás e dúas peras, pero suman cinco froitas. E na froitaría, na alimentación e na vida, é imprescindible a variedade.