Por que gañou Pedro

Lourenzo Fernández Prieto CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pilar Canicoba
Pilar Canicoba

Todas as plumas do país, os opinadores e tertulianos que en España existen, gabinetes políticos e de comunicación, politólogos profesionais e afeccionados, están a explicar por que gañou Pedro Sánchez as primarias do PSOE. O asunto parece importante -polo de agora- porque o resultado das votacións leva a contraria precisamente á maioría das plumas, opinadores, etcétera máis afamados. Este mesmo desatino xa o sufriu a demoscopia electoral e tivo que acomodarse á nova realidade por razóns de mercado -porque se non atina non serve-, axustando técnicas de prospección e métodos de análise. Non está mal acomodarse á vontade colectiva aínda que non guste, sobre todo se non pode virarse democraticamente. Había moitas razóns para que moitos desexasen a vitoria de Susana e a derrota de Pedro e foron profusamente argumentadas. Pero pasou o que pasou e o Amazonas segue o seu curso. Así que toca intentar entender por que pese a todo gañou Pedro Sánchez. Entre outras moitas, apunto dúas razóns. 

A primeira e máis importante é que os afiliados do PSOE votaron nas primarias contra o Goberno da dereita. É dicir, contra a responsabilidade do PSOE en facilitar o Goberno da dereita podendo evitalo. Pódenlle botar a culpa a quen máis a teña tamén, aos novos partidos que teñen a súa ou aos votantes que non deron maiorías suficientes, pero foi a posición dos deputados socialistas -obrigada pola xestora- a que facilitou a investidura de Rajoy. E para chegar aí primeiro tiveron que desfacerse de Pedro Sánchez. Os afiliados do PSOE non puideron soportalo -o de Rajoy máis que o de Sánchez- e á primeira de cambio quixeron corrixilo. Para eles ese comportamento foi radicalmente contrario á súa tradición, a súa memoria e a súa práctica. Despois de que os cantos de serea a prol dunha grande coalición foran desoídos pola tripulación para non embarrancar, permitir gobernar ao PP foi visto polos mariñeiros como unha tolemia dos oficiais e por iso a rebelión a bordo foi a única saída.

Os afiliados socialistas responderon a verdades básicas e poderosas. Eles son de esquerdas e o PP de dereitas e iso leva sendo así dende hai 137 anos, que diría Susana Díaz, pero aínda que só sexan corenta os anteriores entran tamén nesta conta. O PP non ten abondo deputados -nin apoio social- para gobernar e por iso facilitar o seu Goberno considerárano apoiar a corrupción dos piratas do público, ser insensibles aos escándalos, desentenderse da cuestión catalá e aceptar os retallos orzamentarios. Os afiliados socialistas decidiron votar por quen garanta que pode facer o posible para mudar o Goberno porque non están a prol de que goberne o PP. En canto tiveron oportunidade fixeron a súa parte. O que podían facer. Certo que non aconteceu igual en todo o territorio estatal. Hai un mapa definido pola liña do río Texo e iso apunta a razóns que teñen que ver coa incapacidade da candidata derrotada para pensar en plural. A diferenza da maioría dos afiliados socialistas. Visto o visto.