Cambio si, pero non «calderilla»

OPINIÓN

05 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Veña de onde veña e faga quen o faga, este país pide a berros un verdadeiro cambio. Cando a corrupción chega ás institucións, cando a sociedade xa non cre en nada, cando se atenta contra a democracia mesma e contra os cidadáns e a súa soberanía, imponse, e con urxencia, atallar tanto despropósito.

Porque a degradación das institucións lévanos á degradación da sociedade e ao retroceso democrático e dos dereitos da cidadanía, cansa de que llos rabenen mentres que aos causantes da súa pobreza ou lle perdoan cantidades millonarias que pagamos todos -rescates dos bancos- ou meten a man na caixa de todos para participar dunha riqueza que non lles corresponde, impedindo a súa debida distribución entre o común.

Este país non pode aturar por máis tempo a permanente sospeita que orixina a politización da xustiza, tan lonxe do necesario ser e parecer. Imponse un cambio radical no sistema de goberno dos cargos xudiciais, de promoción non arbitraria dos mesmos, cos debidos controis, incluído o parlamentario, para a erradicación da inxerencia nas súas funcións.

Ten que volver á nosa sociedade unha idea tan elemental e indispensable como a de que o poder non está ao servizo dos gobernos, senón que ese poder llo conferiu a sociedade para procurar o seu benestar, e nada máis. É indispensable que a xente o crea así ou non estaremos nunha democracia.

¿Cousa de ilusos? Non, ilusión de demócrata. Claro que non é doado conseguilo. Pero xa vai sendo hora de comezar a pensar nun cambio real, non en calderilla. Ata hoxe faltou vontade real para inicialo. Sería unha frustración para todo o país que agora non o consigamos. As cotiás pequeneces políticas teñen impedido unha política grande. O país reclámaa. Non o defraudemos unha vez máis.