O feminismo de Paula

María Canosa
María CAnosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña escrito o meu último artigo para esta sección sobre a non igualdade de xénero (que casualidade!) cando saltou a polémica de Paula Echevarría e a súa visión sobre o feminismo. Primeiro. Di que non é bo ser machista nin feminista, que é o mesmo nos polos opostos. Mal comezamos. Ten o concepto equivocado. E se ela, que tanto mundo viaxado ten, pensa iso, non debe ser a única. E aí é a onde eu quero ir. A ese comezo equivocado.

Paso de crucificala. Prefiro explicarlle a ela, e á inmensa masa feminina que a segue como modelo, que machismo non é o contrario que o feminismo. Machismo é o conxunto de actitudes e comportamentos que rebaixan a dignidade das mulleres marxinándoas fronte aos homes, polo simple feito de seren mulleres. Feminismo defínese por estar enfocado a erradicar a desigualdade de xénero e promover os dereitos das mulleres. Boa diferenza!

Eu son unha persoa normal, como o pode ser Paula. Son consciente de que son unha auténtica ignorante en moitas materias, porque son normal, como o pode ser Paula. Tamén creo que nin para min, nin para ela, nin para ninguén, nunca é tarde para aprender.

Pois Paula, iso é o feminismo. Buscar o que ti dis cando aseguras que no eido laboral a muller aínda ten banzos que subir, pero xeneralizado a todos os ámbitos. A que xa es feminista? A que llo podes explicar aos teus milleiros de seguidores? Pois faino, por favor. É moi necesario.