Non hai «brexit» para o Estado Islámico

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

06 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Obrexit converteuse en sinónimo de erro democrático cando en realidade foi consecuencia da falta de criterio das elites e os partidos británicos. Perdidos na confusión do mundo de hoxe, os conservadores de Cameron non souberon como navegar e os laboristas de Corbyn non deron soltado as estachas. Todos eles, máis os extremistas de hoxe e os nostálxicos do Imperio de onte, favoreceron que os ingleses e galeses (escoceses e norirlandeses votaron pola UE) votaran por refuxiarse nas illas fronte ás galernas que zoan polo mundo. Pensaron que era unha forma de protexerse, e os últimos meses demostráronlles que no tempo de hoxe iso non é posible porque todos os problemas son globais.

As sociedades sempre están a dialogar cos seus pasados, a cuestión é que pasado escollen e quen orienta politicamente o pasado a escoller. Os británicos dialogan co seu Imperio perdido, pero o seu invento da Commonwealth xa non funciona e na UE nunca viron alternativa porque as súas elites políticas nunca a asumiron como tal. Tamén os que promoven o terrorismo suicida do Estado Islámico dialogan cun pasado imperial de califatos transcontinentais e escollen como método o mesmo que usaron os nizaríes seguidores do Vello da Montaña. O paradoxal é que eles están mellor adaptados aos medios e as paranoias individuais do mundo global que os antigos Estados imperiais. Dialogan con todos os seus psicópatas dispostos a matarse levando alguén por diante a través de mecanismos tradicionais e da Internet, logrando un marketing global do terror para desesperación de todos nós.

Poucos problemas tan globais como o cambio climático. Pero os norteamericanos, que tamén dialogan cunha grandeza pasada, póñense nas mans dun presidente que quere recuperala sen saber como. Todas as ideas que se lle ocorren tamén están inspiradas no pasado: o grande valado ou o illamento no seu propio mercado. O valado é unha ficción romántica no tempo da navegación e a autarquía é suicida para as súas empresas despois de exportaren o modelo a todo o mundo na saída da Segunda Guerra Mundial. Hoxe aqueles alemáns derrotados ou os chineses comunistas (?) compiten no seu terreo e ademais defenden o Acordo de París contra o cambio climático porque o mundo, tamén o dos negocios, só pode camiñar nesa dirección.

O diálogo co pasado é hoxe máis confuso que nunca dende 1945, pero sabemos que debe ser planetario. A teoría da modernización aplicouse e chegou aos confíns do mundo -non da Humanidade- e a globalización e os valores do mercado tamén. Pero a crise global quere ser gobernada por elites políticas estatais que non entenden que está a pasar nin teñen propostas globais. Non serven as da guerra fría porque o mundo non é bipolar, tampouco as intervencións militares dos imperios, dende 1956 en Suez, aínda que se sigan repetindo. O mundo está en transición e o reto é saber cara onde. Volver atrás é imposible, pero só no pasado podemos contrastar o presente e atopar algún relato do futuro. Coma sempre.