Ramón

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón é o único da cuadrilla que naceu o mesmo ano ca min. Querémonos tanto que, de cando en vez, ata discutimos. Agora menos que antes, porque el vive na Gudiña. As nosas discusións sempre tiñan a mesma substancia: o fútbol. El, moi do Madrid. Eu, xa saben. Porén, as diferenzas son insignificantes se as comparamos con todo o que nos queremos. Son moitos anos de amizade. Cando eu estudaba na universidade, el xa era o barman máis elegante de Verín. E cando comprei o Peugeot 205, Ramón foi quen o estreou. A min nunca me gustou conducir e era Ramón quen me levaba de aquí para alá. Eu namorábame perdidamente, e Ramón consolábame cando me abandonaban. Eu metíame en problemas, e Ramón era o que resolvía os meus problemas. Un amigo dos de verdade. Recordo unha viaxe a Cambados. Aquel verán estiven eu namoradísimo dunha cambadesa fabulosa: intelixente e plena de tenrura. Noites enteiras de amor desesperado e ardente. Pero chegou setembro. E marchou. Eu escoitaba día e noite aquela do Dúo Dinámico: «El final del verano llegó y tu partirás». E veña a chorar. «O amor da miña vida, Ramón», dicíalle ao meu amigo cando el saía de traballar do Pub Mama Luna. Ata que saía o sol. «¿Que queres facer, neno?», preguntaba Ramón. «Teño que vela», contesteille. E, sen durmir, o Ramón colleu o Peugeot 205 e levoume a Cambados. Busqueina. Encontrámonos. E quedei vapuleado. «¿Que pasou, neno?». Non dei falado. Paramos na Cañiza. Non puiden nin comer o pertinente bocadillo de xamón. Ramón preocupouse e afirmou que tiña que contarlle o que me pasaba. Conteillo. Subimos no coche. A cambadesa, literalmente, dixérame: «Carlitos, yo te quiero como a un hermano». Ramón, ata que chegamos a Verín, non deixou de rir.