Perigo, mulleres

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo uns anos nos que quixen ser muller policía. Primeiro porque era o máis próximo, en feminino e uniformado, aos superheroes; logo, porque semellaba unha boa maneira de canalizar a miña vocación de mando. Despois souben que o habitual era ser mandada, sobre todo por ser muller, cousa que, combinada coa miña faceta de revoltadora estudiantil diante dos antidisturbios, foi determinante para facerme escritora. Con todo, hai épocas en que aínda me imaxino vestida de paisana correndo atrás dos facinerosos, e sobre todo tirando do cinto unha HK USP Compact. E iso que, quizais por acabar sendo unha simple escritora con moita imaxinación, me pon sumamente nerviosa a pistola que levan os polis locais cando entran tomar café no bar no que leo este periódico polas mañás. 

Menos mal que acabei nos libros, porque o Estado Islámico acaba de ameazar ás mulleres policías españolas. Non porque leven armas e sexan potenciais soldados a bater na súa guerra, senón por seren mulleres que, coma min, quixeron un día dedicarse a iso de garantir a orde. Por atrevérense cunha profesión de homes. Ou, perdón, é mellor non buscarlle a lóxica. Só por seren mulleres.

En España hai arredor de 3.400 gardas, unhas 7.000 policías nacionais, 5.000 locais, alén das 16.000 militares, 3.000 mossas d’Esquadra, unhas 800 ertzainas e policías forais, e un número impreciso de traballadoras da seguridade privada. Iso significa que hai arredor de 40.000 españolas que son obxectivo terrorista só polo feito de seren mulleres. Claro que a cousa non saíu máis que en pequenas notas de prensa, non vaia ser que as protexa alguén. ¿Que máis me dá se zafei desta?, dirán vostedes. ¿Pero estou a salvo dedicada aos libros?