O novo fronte ao vello

Manuel Lago
Manuel Lago LIÑA ABERTA

OPINIÓN

14 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En oito horas, expóñense tal número de argumentos que obrigan a utilizar claves que sinteticen os discursos. A imaxe que reflicte o debate na primeira sesión da moción de censura é a contraposición do novo fronte ao vello. É certo que en parte ten que ver coa idade e o estilo dos que interviñeron, Rajoy fronte a Montero e Iglesias, pero tamén, e sobre todo, pola diferente visión da realidade na que vivimos. 

Para Rajoy todo está ben, vivimos no mellor dos mundos posibles. Non hai nada que cambiar porque se hai algún problema é pola responsabilidade de outros. Unha posición conservadora, de orde, que se resigna diante da realidade e que ten como argumento central contrapoñer o incremento do PIB a todos os problemas: o desemprego, a precariedade laboral, a desigualdade, a devaluación salarial, a pobreza, o deterioro dos servizos públicos, os recortes das prestacións sociais, a perda de poder adquisitivo das pensións, os desafiuzamentos, as estafas financeiras... Por non falar da corrupción ou das tensións territoriais.

Fronte á resignación, o discurso de Pablo Iglesias -e Montero, que interveu con gran brillantez- puxo de manifesto a realidade na que vive a maioría, a indignación social diante da corrupción, o enfado ante as estafas financeiras ou o deterioro do público.

Un discurso en positivo, que non se resigna, que non acepta que España viva nunha lameira, que non poda ofrecer un futuro mellor aos seus cidadáns, que se nega a asumir como normal o retroceso social e o empobrecemento provocado pola crise e sobre todo pola xestión neoliberal da mesma. O futuro fronte ao pasado. A indignación fronte á compracencia. A vontade de mudar a situación fronte á rutina de seguir no mesmo.

O debate serviu non só para falar da corrupción e realidade social do país, senón tamén para comprobar que existe un modelo diferente de gobernar. Porque a contundencia da crítica veu acompañada coa exposición detallada dos vimbios dun Goberno alternativo: propostas concretas e política de alianzas para levalo a cabo. A referencia ao Goberno de unidade da esquerda de Portugal, a posta en valor do traballo dos concellos do cambio e o ofrecemento dun acordo ao PSOE marcan unha senda concreta e posible para cambiar de Goberno. Parece que non vai ser agora, na moción de censura, pero si máis adiante.

Na campaña de explicación da moción de censura utilizábase a expresión «o país que vén» e no debate puidemos comprobar que as persoas que lideran ese proxecto aínda están en fase de maduración, pero progresan adecuadamente. Parafraseando un vello anuncio publicitario, son novos pero están sobradamente preparados.