Cristóbal

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

15 jun 2017 . Actualizado a las 01:00 h.

Cristóbal, o can de Jorge Cañaveral, sempre lle chamamos Colón. O pobre andaba medio perdido cando arribaba un amigo á súa casa e dicía: «Colón, ven». E Colón non facía nin caso. Era un can amable, lento e melodioso como un tango sereno, fiel e escrupulosamente amable. Cando xa tiña moitos anos chegaron os problemas de saúde, naturalmente. Unha súbita coxeira foille arrebatando a alegría. Os veterinarios dicían que había que curtarlle unha pata. Jorge, o meu amigo radiólogo, deprimiuse. Acompañeino a varias sesións de terapia e era eu quen tiña que consolar ao psicólogo, extraviado entre tantos trucos dialécticos do meu fráter. Non houbo un galeno que quixera atender as súas cuitas. A causa da tristeza era Cristóbal. Non podían amputar ao seu can magnífico. Había que apostar pola sanidade pública. «Somos muy buenos los médicos gallegos», díxome unha madrugada. «Buenísimos», contesteille. Reuniu un grupo de colegas na súa casa. Quedaron unha tarde de primavera. Eusebio, anestesista; Javier, internista; un traumatólogo arxentino que atendera a Cristina Kirchner; e dous cirurxiáns de sólido prestixio nos quirófanos. Cristóbal andaba asustado. Principalmente porque todos lle chamaban Colón. Durmírono. Operárono. Eu quedei con Cañaveral tomando unhas copas que tamén nos anestesiasen. Nerviosísimos. «Tranquilo, Jorge, xa sabes que os cans cando teñen unha idade non hai que facer». Case me come. Intentei consolalo sen comentar o que murmuraban os médicos. «Está mal la cosa», comentoume Javier. Porén, a ciencia ganou a batalla á idade de Cristóbal. A operación foi un éxito: nin sequera amputaron a pata de Colón. Unha férula, unha vendaxe… e a correr. A sanidade galega é marabillosa.