O lume nas orellas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Solidarizámonos con Portugal. Unha traxedia así tamén serve para unir pobos. O ser humano ás veces só aprende a golpe de paus, pero... alleos? Aprenderemos nós algo?

 Somos unha sociedade afeita a agardar ata que se lle vexan as orellas ao lobo. Tan só nese momento reaccionamos. Ás veces, nin así. As orellas deste lobo veñen co lume prendido, con lapas implacables que segan vidas. Pero o lobo estaba nos montes veciños. É suficiente para convencernos de que pode saltar fronteiras e tocarnos mañá a nós?

Levamos meses falando da seca que asolaga as nosas terras, a Galicia, o reino da chuvia, mais teño a impresión de que ninguén o toma totalmente en serio. Limpáronse os montes? Púxose en marcha unha política forestal para atallar posibles queimas que chegarán, seguro, no verán? Xa non falo dos medios de extinción de lume, porque eu prefería atallar... todos sabemos que os estragos son practicamente irreparables, máis se falamos de curto prazo.

Onde ese aproveitamento da biomasa do que levamos falando anos e anos? Cada ano os mesmos problemas, cada ano os mesmos laios despois da traxedia. Temo que o único que vexamos reflectido dos lumes de Portugal sexa a solidariedade que imos recibir. Mais a cuestión non é esa, o asunto está en evitar traxedias así na medida do posible. O lobo xa sacou as orellas a pasear. Non agardemos a que nos crave as poutas.