Cuestión de Estado

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

25 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Laura Segato, máxima autoridade en novas formas de violencia contra das mulleres, afirma que esta aumenta e faise máis cruel e sistemática cando o Estado falla, como en Ciudad Juárez. México, Estado falido. Isto vai da man dunha transformación política vencellada á economía informal e criminal que descompón ao Estado como monopolio da violencia. O corpo das mulleres soporta novos xeitos de dominio e ocupación dunha violencia pública, sistemática, impersoal, controlada por mafias e corporacións que expresan publicamente o seu sometemento. 

 En países máis estruturados e cohesionados, coma o noso, poderíanse evitar moitos asasinatos se se velase de verdade pola vida das mulleres, pero as institucións non conseguen facer desistir aos agresores.

Cada acto violento é unha mensaxe que conleva unha advertencia de dominación por parte de quen se considera posuidor da outra persoa. Segato afirma que estamos ante un síntoma dun mundo de propietarios, donos que se manifestan arbitraria, caprichosa e discrecionalmente porque prima, por riba de calquera outra consideración, o cumprimento da súa ocorrencia de que «esa muller» ten que morrer, e a mata porque se considera con poder para decidir sobre a súa vida e a súa morte, respondendo a un mandato de masculinidade, de violencia mediante a dominación, para ser recoñecido polos demais homes como un exemplo.

Cómpre coñecer as causas de semellante violencia estrutural e crecente se verdadeiramente hai un propósito individual pero, sobre todo, colectivo e político, de lle poñer remedio. 

No último informe do Observatorio da Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, sobre o primeiro trimestre do 2017, aparece algún indicador positivo, como o incremento do número de denuncias, a importancia e eficacia dos xulgados específicos (en Galicia só hai dous, na Coruña e Vigo), ou a influencia da sensibilización e información. Pero repítense outros que magoan: menos do 2 % das denuncias proceden de familiares ou do entorno máis achegado á vítima. Aumentan os agresores condenados sendo aínda menores de idade. E outra, igualmente significativa: a maioría das agresións se producen cando xa non hai unha relación estable ou non chegara a habela.

Cada día, 15 mulleres denuncian un caso de violencia machista en Galicia. Nos tres primeiros meses deste ano aumentaron as denuncias nun 4 % despois de consumarse terribles asasinatos de mulleres e menores a causa dun odio brutal e desenfreado. Estamos ante o pico do iceberg que se agocha tras dos miles de denuncias que fan, presas de pánico e cunha soidade clamorosa, mulleres valentes e mortas en vida para rachar as súas cadeas.

Cantos argumentos e horrores máis son precisos para que a política se desprenda dos tics misóxinos e se tome en serio este femixenocidio? É unha cuestión de Estado.