Hembrismo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hembrismo. Ese é o termo que se confunde con feminismo. Así que o mellor é comezar por el. O hembrismo é a consideración do home como ser inferior á muller. Hembrismo, repito.

Feminismo non é hembrismo. Non. Non o é. O feminismo defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller. Permítanme que o volva repetir aquí, nesta ventá que teño no xornal, porque creo que é necesario. E chego a esa conclusión despois de que nos últimos días veña de escoitar a xente moi diversa errar na concepción do termo. Comentaristas na radio, mozas iconas falando ante unha cámara, centos e centos de comentarios nas redes sociais...

O feminismo busca a igualdade, desde a posición actual, que é desfavorecida para as mulleres. A realidade, obviamente, é a que é. Pois ben, partindo deste punto, o único que se pide é igualdade de dereitos, é dicir, de oportunidades. Nin favoritismos nin discriminación positiva. Simplemente, a posibilidade de ter, acceder, acadar, intentar... nas mesmas condicións que eles. Así de sinxelo, sen máis.

É incompatible o pensamento de recoñecer que as mulleres o temos máis complicado e revirarnos contra iso pero non ser feministas. Aí o erro. Hai moitas máis feministas do que elas mesmas cren, pero confunden o nome que darlle ao seu sentir.

Deberiamos poñer carteis anunciadores, explicando que o que se está a reclamar, para que a sociedade se involucre correctamente.

Todo é pouco ata conseguir que realmente sexamos iguais no camiño da vida. Digámolo sen medo. Feminismo.