O que din os cartos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un brillo especial, dourado. Como unha luz pequena, pero de gran potencia.

E de súpeto véxoas. É o fulgor que nace daquelas moedas. Semellan ouro.

Os cartos, ás veces, fan que perdamos o sentido. Pero outras... quen sabe, igual axudan a atopalo!

O pleno do Tribunal Constitucional vén de declarar, por unanimidade, inconstitucionais as partidas dos presupostos cataláns destinadas ao referendo sobre a soberanía convocado para o primeiro de outubro.

O total das partidas supera os seis millóns de euros. En moedas... iso brilla moito. É por iso que é a primeira vez que lles doen os ollos aos promotores da devandita convocatoria. E co tema levamos xa unha chea de meses. Demasiados, ao meu ver. Non podemos estar dándolle voltas ás patacas continuamente na tixola porque en lugar de fritilas, facemos unha papa. Un remexido inservible. Se polo menos se queimasen...

Marear a perdiz, que se di. Que ao único que nos leva é a pensar que por ningún lado hai vontade real de solucionar o problema. Pero falaron os cartos. E a súa voz fíxose oír. Porque o que preocupa, neste caso, non é a inconstitucionalidade, é a falta dos cartiños.

Quizais sexa a primeira reacción seria que vexo ao tema. A primeira preocupación, o primeiro titubeo ante a proposta. Está claro que vivimos na era do consumismo, de dar valor ás cousas tan só polo seu valor económico. Non é unha actitude que me guste, pero ás veces... ese brillo que cega os ollos chega a facer dano e desátanos a alarma. Sempre é bo espertar.