A memoria das guerras

Carlos G. Reigosa
Carlos G. Reigosa VAGA LUME

OPINIÓN

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Empeza a non estar de moda ler libros sobre a nosa Guerra Civil, algo que ten a súa lóxica porque xa van aló oitenta anos desde que, en 1936, comezou esa liorta. Pero non debería esquecerse o que foi, como principiou e o que nela pasou, porque amosa moi ben como todo un pobo pode enfociñar nun charco de sangue, froito dunha cruel e desapiadada loita fratricida. Como sentenciou o filósofo alemán Immanuel Kant, «a guerra é nefanda porque fai máis homes malos ca os que mata». É dicir, é moralmente repugnante. Pero aí está a Historia Universal, chea de episodios bélicos abominables e noxentos, plagados de ferocidade e de crueldade. O grande correspondente de guerra Herbert Matthews, que informou da nosa Guerra Civil para The New York Times, tíñao claro cando afirmou: «Decateime da falsidade e da hipocrisía dos que se proclamaban neutrais e da estupidez, se non pura sandez, de directores e lectores que pedían aos xornalistas que escribisen obxectiva e imparcialmente».

Coñecer a Historia (a nosa e a de todos) é indispensable, e tamén é indispensable reescribila, como ben dicía Oscar Wilde, porque cada momento histórico ten a súa forma de ollar, de descifrar e de aprender. As cousas do pasado non teñen unha única interpretación. De certo, cada xeración acaba por impoñer a súa, lexitimamente, sempre que esta imposición non sexa sectaria, partidaria, falsificadora ou interesada, porque ao cabo isto é sempre un fracaso. As nosas vidas defínense polas oportunidades que temos, e mesmo tamén polas que perdemos, como dixo Scott Fitzgerald. Pero a máis grande oportunidade é a que nos permite atinar no camiño de non repetir erros sanguentos do pasado. Por isto segue a ser necesario coñecer ese pasado, e por isto é preciso volver a ler sobre a nosa Guerra Civil, sobre a Segunda Guerra Mundial e sobre tantos e tantos outros episodios bélicos que tinguen de sangue todos os nosos pasados. Coa esperanza de que a memoria traballe ao noso favor e faga posible un futuro liberado de todos eses males pretéritos. O lema resultante debería ser: «Nunca máis unha guerra». Isto debe enraizar no terreo dos nosos máis nobres desexos. Por iso hai que seguir a ler a nosa historia bélica.