Blesa e os demais

OPINIÓN

24 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Blesa, e os seus coñecidos conxéneres, son para a xeneralidade da xente os que asaltan bancos dende dentro, unha variedade nova en comparanza coa tradicional, de fóra para dentro, anulando ao caixeiro coas armas ou voando unha parte do banco para encher sacos con billetes e largarse o máis lonxe posible.

Pero agora non estamos no Oeste. Os tempos cambian e os métodos melloran. Non é o mesmo desvalixar un banco a punta de pistola, ou desafiando complexas medidas de seguridade, que facer o mesmo sentado no interior, nun luxoso despacho, rodeado de persoal ao seu servizo e facendo favores a uns e outros. Estaremos de acordo en que o perfeccionamento do sistema ten chegado a moi altos cumes.

Blesa formou parte, como é sabido, dunha camarilla que de moi diversas maneiras tiñan como única finalidade o rápido enriquecemento, o que supoñía un correlativo empobrecemento, e mesmo ruína, de xente en xeral humilde á que se lle prometeron beneficios que nunca existiron, nin tiñan tampouco a pretensión de concedelos.

Unha camarilla que xa os investigadores -xuíces e policía xudicial- conceptuaban como organización para delinquir. É o que resulta de 1.900 imputados, duns 170 condenados e da instrución dunhas 130 causas. O que algúns outros, con un sentido do humor moi particular, chaman «unos casos aislados».

Blesa e todos os demais existen porque a nosa sociedade o consinte, porque é tamén unha sociedade corrupta, porque celebra, e no fondo admira, ao estafador sempre que o faga ao grande -ao mellor porque tamén quixera selo se a ocasión se prestase-, mentres condena ao que rouba para comer. Só unha sociedade corrupta -e enferma- pode consentir esta situación. Un quixera, unha vez máis, pensar que non é verdade nada do que pensamos.