A mesma riqueza pero peor repartida

MANUEL LAGO PEÑAS FIRMA INVITADA

OPINIÓN

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Levounos dez anos, pero no 2017 o PIB volve estar nas cifras do 2008. É o momento de facérmonos unha pregunta básica: se temos xa o mesmo nivel de riqueza que antes da crise, por que agora vivimos peor? A resposta é simple: porque a riqueza está peor repartida.

A crise, de maneira especial pola súa xestión baseada no neoliberalismo, coas reformas laborais regresivas, a austeridade extrema e os recortes sociais, provocou unha redistribución da renda en contra da maioría social. Non é unha opinión, son feitos sustentados nos datos oficiais.

Aínda que o PIB en Galicia volve estar no nivel de 2008, a parte destinada a salarios segue 2.000 millóns de euros por debaixo. Temos o mesmo nivel de riqueza pero menos emprego, máis precario e con peores salarios.

A desigualdade no reparto primario da renda -entre salarios e beneficios- é unha característica intrínseca ao sistema capitalista que intentan corrixir parcialmente as políticas públicas propias do Estado do benestar. E aquí está a segunda parte do problema, porque desde a lóxica do neoliberalismo aproveitouse a coartada da crise para reducir o papel do Estado, tanto nos servizos públicos como nas políticas sociais.

Amósao con clareza unha cifra: os orzamentos da Xunta para 2018 son un 23 % inferiores, en termos reais, ao que a propia Xunta gastou en 2008. Temos a mesma riqueza, pero moitos menos recursos públicos para a sanidade, a educación ou a política social.

Tamén no denominado reparto secundario da renda -o que o Estado fai a través dos impostos e do gasto público- hai un claro retroceso. As rendas de capital, as grandes fortunas, os beneficios empresariais, en especial os das compañías multinacionais e os contribuíntes con rendas máis altas, achegan cada vez menos, grazas ás contrarreformas fiscais dos últimos anos. Amósano os datos: baixa a recadación do imposto de sociedades, do de patrimonio ou a contribución das rendas de capital no IRPF, mentres sobe o IVE.

O resultado son menores ingresos e unha redistribución da carga fiscal contra asalariados e pensionistas. A mesma riqueza, por tanto, pero peor repartida, e por iso se estende o malestar social. Os ingresos do 87 % dos fogares de Galicia achéganos persoas asalariadas ou pensionistas. Se os salarios baixan, o emprego faise precario, as pensións perden poder adquisitivo e a protección social e os servizos públicos se recortan, a maioría social sofre un empeoramento das súas condicións de vida e de traballo.

Si. Saímos da recesión, mais cunha gravísima brecha social que se pode cuantificar. En comparación con 2008, os salarios perderon catro puntos do PIB e o gasto público está tres puntos e medio por baixo. Sumados equivalen a 4.700 millóns de euros, cifra que nos aproxima á factura que pagamos cada ano por unha crise que acabou converténdose nunha estafa para a maioría social.

Esta é a razón que explica que, a pesar do crecemento do PIB, o 93 % dos cidadáns, segundo os datos máis recentes do CIS, opine que a situación da economía é regular, mala ou moi mala. E teñen razón. Porque saír da recesión non é saír da crise. Porque o crecemento económico non está levando a maior benestar social. Porque hai crecemento pero non recuperación. Porque non damos pasado do macro ao micro, das estatísticas á realidade da xente.