Cando a política se ausenta

OPINIÓN

26 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando non se fai política porque, por comodidade ou polo que sexa, se pensa que ese traballo poden facelo os tribunais case sempre entramos no camiño do fracaso político. É o lóxico: é como ir ao curandeiro se o que cumpría era ir ao traumatólogo. Algo así pasa co caso catalán. E o peor, ao meu ver, é o que se aveciña.

Porque, lonxe de conseguir descabezar o independentismo, só se conseguiu que este siga en maioría absoluta, raro resultado, mire como se mire. Pero a situación non se complica por iso, senón porque, por mor dos procedementos que se seguen contra políticos agora elixidos polos cataláns, ou van seguir en prisión ou van entrar nela. ¿Como se lle explica a Europa e ao mundo que neste país pode darse anomalía semellante?

Primeiro, con máis que dubidosa legalidade, procúrase levar a causa a un xuíz que non correspondía, conculcando o dereito ao xuíz predeterminado, e logo, ou á par, preténdese a aplicación con calzador duns tipos de delitos que pouco ou nada teñen que ver cos feitos de todos coñecidos, como moi insignes xuristas veñen proclamando. A pregunta, de difícil resposta, é: ¿e agora que?

Pois moi sinxelo: a política. Moi a destempo, pero non poderemos desbotala. Agora si que o único que ten sentido é que a arte de equilibrar intereses se leve a cabo por uns e por outros. Só así se poden endereitar as cousas e encarreirar unha situación á que nunca, por ningunha das partes, se debeu de ter chegado.

Aínda que pareza difícil, alguén haberá capaz de concertar, de pactar, de crear. O camiño que se seguiu a nada conduciu. O que agora se siga terá que ser outro, esquecendo fracasos, desencontros e tirapuxas, e tendo moi presente que se estará construíndo o futuro deste país. De todo o país. Pero que tamén podemos estar destruíndoo.