Tutela si, liberdades non

OPINIÓN

08 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen dúbida que esa é a divisa do sistema dende que está dominado polo poder financeiro. Divisa que agocha unha idea fundamental para aquel: pouca democracia, canta menos mellor. De ai proveñen todos os seus medos, que son moitos, así como a idea de tutela, que vén ser o pai e a nai de tolos os medos. Medo ás liberdades, en xeral. De ai vén a cobiza de control, dunha suposta seguridade que se nos quere vender como fundamento da liberdade.

E de ai as tortas e desavidas interpretacións das leis, á marxe e con esquecemento dos dereitos fundamentais, como os de reunión e opinión, chegando a un verdadeiro retorcemento dos tipos delituosos do Código Penal cando convén e en contra da máis elemental idea de aplicación restrinxida do dereito sancionador.

Medo ao Estado federal, ou cando menos desconfianza, suxerindo semellanza coa secesión, esquecendo ou ocultando que federar é unir.

Sánchez-Cuenca debuxou nun dos seus brillantes artigos, hai uns anos, con mestría esta eiva -porque o é- do sistema, neste caso do sistema que entre nós se volveu cousa churrusqueira, mesmo de Celtiberia Show.

Medo ao mesmo sentido do humor, sen dúbida porque o verdadeiro humor, que xorde do espírito crítico, é unha mostra de liberdade.

O sistema sempre vai preferir unha seriedade acartonada, dende logo dentro de certos límites.

Pero moito ollo cos titiriteiros, tuiteiros e demais xentes de mal vivir, como a experiencia nos ensina.

Liberdade non, tutela si. Se tutelamos é que levamos o leme; se non o facemos, outros o levarán. Velaí, deámoslle as voltas que lle deamos, a filosofía -é un dicir- que move ao sistema e que o sostén.

Pero a tutela só está prevista para diminuídos de moi diversa índole. A liberdade corresponde sempre aos adultos.