Discrepar non é fender... nin é ofender

OPINIÓN

05 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O conto ten a ver cun artigo que publiquei recentemente. Nel permitinme discrepar dun cartaz que publicitou e divulgou o BNG verbo da efeméride do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. Todo texto -e un cartaz é tal- é susceptíbel de opinións, na súa parte gráfica e na súa parte escrita. No artigo mencionado dediquei tres parágrafos de bon tamaño a denunciar o uso partidista e excluente, por parte do Concello da Coruña, dunha manifestación como a do 8 de Marzo, que non mereceu, ao que se ve, particular atención informativa. Si o segundo aspecto que tratei, o comentario crítico á campaña do BNG citada. Non vou reiterar argumentos nel expostos: cada quen, na súa completude, é quen de os estimar como mellor lle parecer. Como dixen antes, todo texto publicado é obxecto de recepción variada e plural. Mais si teño interese en aclarar, desde xa, informacións elementares polo que a min respeita. Discrepar non é destruír. Discrepar dunha acción pontual da organización política á que se pertence non é só un dereito no BNG senón un deber inherente ao debate necesario, á viveza do mesmo e á libre exposición de opinións. Síntoma, claro está, de boa saúde democrática, da que non andan nada servidas outras organizacións políticas como o PP e o goberno da Xunta, onde funciona o «si, bwana» ou o «Palabra de Dios. Te alabamos, Señor». É comprensíbel, pois, que chame a atención dos que tal actitude manteñen que unha militante do BNG desde a súa fundación se permita diverxer dun acto concreto. No BNG non temos precisamente mentalidade servil ou reverencial.

Por tanto: nen burato, nen fisura nen sequer rabuñadura ao BNG pola miña parte. O meu comentario nen fende nen ofende, porque non esa é a intención nen a finalidade. Os recordatorios que me permitín facer non son para lañar o BNG, senón para todo o contrario, facéndome eco, iso si, de moitas opinións de militantes e simpatizantes na mesma dirección. Se algunha tese «filosófica» contén o artigo é mesmamente a de que nacionalismo galego e feminismo non só non son incompatíbeis senón necesarios mutuamente. Só aclararei unha outra cuestión. Eu non me escandalizo polas palabras, sexan elas eufemismos ou disfemismos. Pobre de min se o fixese, sendo, como son, profesora de lingua e literatura con 40 anos de exercicio ás miñas costas. Non está aí o problema. O problema está no lugar e no uso que facemos delas. Se eu cualifico, en privado e humoristicamente, un poema como unha verza, entenderase neste contexto. Non se me ocorrería leccionar sobre «Poemas-verza da literatura........» (a que sexa). O BNG definiu hai ben tempo a política feminista como un ben público e a esta definición se ativo, coa práctica correspondente. Isto é o que vale e o que debe seguir existindo. En ben do BNG e da Galiza pola cal existe.