Algo novo se move

OPINIÓN

19 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Iso semella que pode resultar das palabras e a actitudes dos pais de Diana Quer, Marta del Castillo e de Gabriel, o neno de Almería, opoñéndose á vinganza primaria e visceral e pedindo que se deixe traballar á xustiza. Son actitudes que nos afastan do orixinario escurantismo biolóxico da nosa especie. Por agora, son só unha pinga no océano, pero unha pinga esperanzadora.

Abonda coa sinxela e elemental serenidade de xuízo, sen necesidade de moita información técnica -digamos que aínda que só sexa por cultura xeral- para saber que penas como a prisión permanente revisable, ou a pena de morte, non fan mellor a nosa sociedade, non engaden eficacia para evitar delitos e só significan deterioro dos valores democráticos máis elementais e que, ademais, garante esa CE tan traída e levada conforme ás comenencias de cada momento.

Ese é, en síntese, o pensamento dos cen catedráticos de Dereito Penal que asinan un manifesto contra a prisión permanente revisable do que se teñen feito eco os medios, se ben non todos.

É o dos pais xa citados, e é, pensamos, o dunha sociedade libre e non manipulada, se aínda queda. A política grande, como tantas veces dixemos xa, leva aparellada sempre unha idea de pedagoxía: a felicidade da cidadanía, que debe ser o seu obxectivo principal, reclama e esixe unha acción pedagóxica dos seus gobernantes, non só de exemplaridade.

Será sempre unha mala política a de encirrar a irracionalidade, a de remexer nos baixos instintos, a de avivecer a demagoxia populista. Pois, como ensina a experiencia, carece esa política de toda utilidade práctica, pero, polo contrario, son grandes os seus estragos. O bo sentido daqueles pais supera con moito a torpeza de moitos dos nosos políticos .Confiemos que, en adiante, o seu exemplo non sexa en van.