Equidade educativa galega

OPINIÓN

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentes estudos baseados no PISA coinciden en que Galicia ten a maior equidade educativa de España e mesmo está por riba de países modélicos, como Finlandia ou Noruega. A nosa escola é inclusiva, cun 85 % do alumnado desfavorecido socio-economicamente compartindo aula co das outras clases sociais. Podemos sentirnos moi orgullosos desta igualdade de oportunidades, que é unha das principais aspiracións dos sistemas educativos actuais. E non só desde un punto de vista cuantitativo, é dicir, como igualdade de acceso, senón, e sobre todo, como ecuanimidade no tratamento, cun ensino que alcanza boa calidade no proceso de ensino-aprendizaxe e nos servizos que presta.

 Varias son as razóns deste éxito. Quedo con tres. En primeiro lugar, características tan propias da nosa rexión, como son a crise demográfica, ruralismo ou dispersión da poboación, xogan, por unha vez, ao noso favor. Grazas a elas temos o menor número de alumnos por aula ou unha gran cantidade de centros educativos pequenos, que permiten maior atención individualizada aos nenos. Por outra parte, ofértanse uns servizos e recursos da mesma calidade que nos ámbitos urbanos, o cal supón un grande esforzo orzamentario para a Xunta e mesmo para os concellos.

Estas peculiaridades galegas nunca se tiveron en conta polas leis e reformas estatais, moito máis proxectadas para rexións como Castela ou para contornos urbanos. Neste sentido, como segunda razón, as políticas que se veñen levando a cabo en Galicia son acertadas. Pensemos, por exemplo, nos mestres especialistas itinerantes, nas escoliñas de educación infantil, nos colexios rurais agrupados ou nos centros públicos integrados. Estes últimos tentaron buscar a solución «menos mala» á problemática xurdida co nacemento da ESO, que só tiña cabida en centros de secundaria, afastados dos espazos rurais.

A educación compensatoria e a atención á diversidade, claves dunha auténtica igualdade de oportunidades, son prioritarias. Proporciónase reforzo e apoio a alumnos con atraso ou abandono temperán, indicador este, por certo, no que tamén Galicia ten os mellores resultados. Os centros están ben dotados de profesorado especializado en atender a estes alumnos e os servizos de orientación, cando funcionan ben, son decisivos no fomento dunha equidade educativa.

Por último, Galicia ten unha das menores taxas de alumnos inmigrantes de España. O desfase que unha gran parte destes teñen a nivel curricular, no dominio das linguas ou na adaptación ao centro escolar, pode afectar aos resultados da equidade, como está a ocorrer en comunidades autónomas cunha maior incidencia de poboación estranxeira. Aínda así, Galicia conta con normativa específica e recursos cos que xa se está a atender aos máis de once mil alumnos doutras nacionalidades, matriculados nas diferentes etapas do sistema educativo.