Tempos de andrómenas

OPINIÓN

15 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os recentes acontecementos que temos vivido con abraio -títulos regalados, incertas teses de doutoramento, invocación de méritos académicos imaxinarios, currículos inflados...- demostran, ao meu ver, un curioso esforzo por aparentar o que non se ten e dar unha imaxe afastada da verdade. Trátase dun síntoma máis do baixo nivel que os novos políticos demostran cada día? Ou será que xa tanto ten unha cousa como a outra, porque, pola reiteración, xa non se sente como desavido o que ata hai pouco sería unha vergonza? Ata ese punto teremos perdido a vergonza? Explican eses feitos, polo demais, o baleiro cultural que demostran nos seus actos e nas súas manifestacións, tanto que coidan que un título conseguido polo atallo xa o enche?

Algo disto debe de haber porque sorprende un pensamento tan anticuado, non só en Rivera ou Casado, senón tamén en Sánchez, e outros, tan depassée que a cada momento lembra o de José Antonio: non saben saír do tema Cataluña, da soberanía nacional (que risa lle debe de dar a Merkel!), o independentismo, o nacionalismo (o dos outros).

E non só iso: para aburrimento xeral, repiten unha e outra vez as mesmas frases, e o mesmo contido, como se o repertorio non lles dese para máis. Pode que así se explique o inexplicable: que teñamos arrestos para facer do amarelo unha cor subversiva ou para confundir algareo con rebelión. De aí que vivamos nos tempos das andrómenas. A sociedade, por incultura, é en política cada vez máis zombi, terreo onde privan as andrómenas e os embelecos con só facérllelos chegar polos medios axeitados. E medios sobran. Nunca soñou José Antonio con tanta forza expansiva, aínda que, case seguro, os seus difusores nin o leron. Pero Aznar si, sen dúbida. E os de VOX, tamén sen dúbida.