A revolución feminista

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

24 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2018 é o ano en que o feminismo chegou para situarse no centro do cambio social pendente. Abriuse, de cheo, o dilema sobre a elección entre feminismo ou barbarie, parafraseando á Rosa Luxemburgo de hai máis dun século.

Hoxe aínda hai que explicar por que é preciso decantarse pola defensa da igualdade plena das mulleres, que é a base do ideario feminista.

Mesmo é doado escoitar o razoamento de que o feminismo é o mesmo ca o machismo, pero á inversa, denotando unha inxustificable falla de cultura e información, pois ambos son antinómicos de seu.

Vaian ao dicionario e confírmeno, se pensan que esta é unha afirmación interesada.

Situándonos na asepsia ideolóxica, estamos perante un reclamo social de carácter global, con diferentes intensidades segundo en que partes do mundo se manifesta, pero cunha dirección coincidente no expresado no dicionario: igualdade entre sexos. Tan sinxelo de comprender e tan difícil de aplicar.

Moito se leva falado, escrito, estudado e reflexionado polas numerosas e sabias cabezas pensantes desde a filosofía, a socioloxía, as ciencias políticas… e pola acción mobilizadora de organizacións sociais, que levan a denuncia ás rúas, tomadas por multitudes nas efemérides conmemorativas, coma nunca antes se vira.

Nin a famosa revolución do 68, se cadra a referencia pacífica mundial máis rechamante dun século onde os grandes cambios se produciron con violencia, tivo un eco tan importante.

Entre outras cousas, porque o feminismo ocupou rúas, medios, universidades, centros de traballo, domicilios, familias… nunha onda envolvente que segue a medrar.

Só co tempo poderá dimensionarse, posto que agora estamos no vórtice do furacán.

Atreveríame a dicir que nun 95 % somos mulleres quen nos dedicamos a este traballo intelectual e social, e esa é unha chamada de atención cara aos grandes cerebros masculinos -e á súa sensibilidade- que quedan fóra de tan necesaria achega á civilización.

Porque diso estamos a falar. Dun avance civilizador, non dun puntual problema social aquí ou acolá.

A crueldade e o asañamento con que se está a reaccionar a un pedido impecable dende o punto de vista humanista e democrático denota a ambición do reclamo das mulleres do mundo.

Alguén ten que ceder privilexios e iso non será de balde, pero as vítimas están todas no lado das mulleres, e, se con esa evidencia os do outro lado non se sensibilizan, significa que están presentando batalla.

Algúns como pistoleiros dunha banda asasina; algúns como cómplices acomodados e instalados no confort do silencio; algúns tentando comprender e empatizar co que está a pasar; e, case todos, remisos a lle chamar polo seu nome ao holocausto feminicida. Ao terrorismo machista. Á misoxinia estrutural que queremos desmontar.

Esta é a revolución pendente que non fixo máis que comezar.