Nacionalismos mentireiros

OPINIÓN

24 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe tócalle ao nacionalismo español, mentireiro se os hai. Falaremos dalgúns outros cando cadre. Só o nacionalismo español é constitucionalmente excluínte. Ningún outro nacionalismo está facultado para excluír do deber de coñecer as linguas distintas do castelán, a quen corresponde o deber e o dereito de uso. As demais só teñen o dereito. Case nada.

A outra grande mentira é a que proclama que gozamos dunha grande autonomía, máis ca moitos estados federais.

A proba en contra está no continuo restrinxir do Tribunal Constitucional, que non perde ocasión de recentralizar todo o que lle poñen por diante.

Calquera que coñeza a deriva que ese tribunal leva, en materia de ensino das linguas periféricas, o menos que ten que botar en falta é un pacto de igual a igual sobre a materia.

Non habendo ese pacto, só queda a arbitrariedade, que é o que está ocorrendo.

O conflito, ou conflitos, sobre o ensino das demais linguas oficiais, só dende o máis primitivo fanatismo se pode soster; nin en Cataluña, nin en ningures.

A mellor proba, a falsidade dunhas poucas denuncias, que se demostrou que foron prefabricadas para soster unha acusación revirada. Puro fanatismo.

Pero a máis grande de todas é a atribución de constitucionalismo a uns partidos e a negación dese carácter aos demais, hoxe xa a case todos os que non estremen pola dereita.

Xa hai que andar mal de memoria para non lembrar quen aceptou a Constitución española, quen a rexeitou e quen prometeu cambiala tan pronto como puidese.

Fanatismo ou simplificación? A simplificación é a característica primeira dos totalitarismos. E o fanatismo, o paso que segue á simplificación.

Por iso xulgamos moi grave o momento que estamos vivindo, en especial nunha sociedade indefensa e vítima dunha propaganda organizada e poderosa.