A China de Xi Jinping

OPINIÓN

SAM YEH

14 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas son as suxestións que este novo e denso libro de Xulio Ríos (Editorial Popular, 2018) nos permitiría expoñer, pero non temos espazo para tanto. Entre elas, pode que a que máis curiosidade esperte é o inmenso poder do PCCh, artífice da transformación de China, incluso contra prognósticos que agoiraban a súa quebra.

Chegar á harmonía socioeconómica, á independencia da xustiza (hoxe só teórica), ocuparse da axenda ambiental, das contradicións territoriais, da influencia internacional de China... velaí os imperativos que debe afrontar o partido. Un verdadeiro Estado-Partido, cuns poderes que hoxe non son nin imaxinables nos modernos Estados europeos. Pero, á par, o sistema pode manter e soster a figura de Xi Jinping, centro e eixe dese poder, figura omnipresente na política china.

Sorprende, para os que non coñecemos de preto a cultura política chinesa, que no corpus ideolóxico do PCCh para o século XXI tanto se reafirme o marxismo ou o maoísmo coma se subliñe a actualidade do pensamento clásico, e aínda tamén certas formas do pensamento occidental. Unha sorprendente mestura e un raro equilibrio.

Xi, dinos Xulio Ríos, dá mostras de querer chegar a unha China constitucional e dos dereitos das persoas, pero na actualidade só é un Estado con dereito, non un Estado de dereito. Non en van é o impulsor do lexismo, a escola oposta ao confucianismo, coa manifesta finalidade de manter o inmenso poderío do PCCh.

Hai intentos dunha certa apertura, pero que ninguén se trabuque: ningunha disidencia que se opoña aos plans establecidos. Un mundo cheo de moi sutís equilibrios, tamén de posibilidades e de experiencias novas, todo o que fai deste libro unha verdadeira aventura intelectual dentro da política do noso tempo.