Por que unha Europa federal

OPINIÓN

21 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esa era a idea que presidiu o pensamento dos fundadores e a que inclúe o Tratado da Unión proposto por Altiero Spinelli e aprobado polo Parlamento Europeo o 14 de febreiro de 1984, no que se contén o que poderiamos chamar a filosofía do federalismo europeo: sucesivas delegacións de poder, principio de subsidiariedade. 

Así se manifestou tamén a declaración de Florencia de 1987, na que de novo se subliña que a sociedade se edifica de abaixo arriba, a partir das comunidades de vida cotián, grazas a sucesivas delegacións de poder, sen que ningunha autoridade «superior» interveña na esfera de acción dunha autoridade «inferior» mentres esta sexa eficaz.

Esta nova sociedade federal ten o seu fundamento nos principios de subsidiariedade, autonomía, cooperación e participación, no dicir do profesor Alli-Arangures.

Sinala o mesmo autor que o recoñecemento da pluralidade cultural europea, tanto en ámbitos estatais coma rexionais, implica superar as concepcións uniformistas empregadas nos procesos de construción dos Estados-nación. A diversidade cultural e lingüística é parte do patrimonio europeo.

O federalismo é pluralidade, liberdade e igualdade, o que exclúe toda idea de unilateralidade, supón que sen liberdade ningún pacto é merecente dese nome e que a igualdade é o reverso de calquera idea de subordinación ou tutela. O pacto federal só ten razón de ser se se establece entre diversos pero libres e en igualdade.

Por máis que os Estados europeos foron cedendo soberanía a UE, esta non é un Estado nin é federal. Os Estados membros seguen aferrándose canto poden ao seu vello concepto de soberanía nacional, por enteiro afastados da idea dunha Europa federal. ¿Alguén pode xustificar racionalmente que haxa outro futuro para Europa?