Con naturalidade

Rosa Quintana CONSELLEIRA DO MAR

OPINIÓN

Ana Garcia

08 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaría faltando á verdade se digo que na miña cabeza non resoaron nunca os ecos das voces daqueles que, a pesar de falaren en baixo, teño escoitado criticándome nalgún momento da miña vida laboral polo feito de ser muller. Pasoume algunha que outra vez ao longo dos anos sendo inspectora de Gardacostas, xefa de servizo, directora xeral e, se cadra incluso cunha certa xenreira, sendo conselleira de Mar. Con todo, non é menos certo que, malia estar acostumada a moverme nun mundo no que predominan eminentemente os homes, afortunadamente este tipo de comentarios podo etiquetalos sen rubor como algo residual e minoritario. Baseándome na miña experiencia persoal, sería inxusto dicir o contrario.

Será por iso polo que precisamente nunca lle dei excesiva relevancia nin lle dediquei demasiado tempo a analizar a quen me puidera ter cuestionado polo feito de ser muller. Aló cadaquén coa maneira que queira empregar para autodesacreditarse. As miñas prioridades pasan necesariamente por procurar o mellor para o noso mar e para as mulleres e homes que viven del. Un traballo que debe ser realizado con perseveranza e con decisión, con entrega e constancia, con intelixencia e experiencia e no que non valen nin as medias tintas nin, por suposto, os rabos entre as pernas. Un traballo para o que, na procura por acadar eses valores e con toda a naturalidade do mundo, me rodeei case por completo de nomes de muller nos postos de maior relevancia da Consellería do Mar.

Coa mesma naturalidade, se boto a vista atrás, dos máis de trinta anos de experiencia laboral que acumulo principalmente arredor dun sector copado por homes, a maior parte dos nomes que me veñen á cabeza se teño que referirme a algún fito son nomes femininos, sen que me cause sorpresa que sexamos nós as que deixemos pegada.

Ao respecto, lembro con especial cariño estes días as clases maxistrais de Pencha Santasmarinas capitaneando un movemento incipiente nos noventa para profesionalizar as mariscadoras de Galicia, convencéndoas case unha por unha para conseguir unha independencia que hoxe nin homes nin mulleres poñemos en dúbida. Esa bandeira enarborouna coa convicción e coa seguridade coas que sempre defendín que se deben facer as cousas nas que se cre, sen caer en tópicos estériles e promovendo o realmente importante e incuestionable: a conquista real do colectivo.

Para min é aí onde radican a vitoria e mailos verdadeiros méritos nun día coma o de hoxe, na naturalidade de poder enumerar as conquistas entre iguais. Quen o poña en dúbida, quen o cuestione, quen negue as capacidades históricas da muller para a conquista debería buscar tamén unha xustificación da necesidade que pode ter de someterse a semellante autodescrédito. A historia, os feitos e as vitorias están aí para taparlle a boca a quen cometa o erro de vulto de parapetarse nos tópicos ante a falla de argumentos. Nin un minuto que dedicarlles. As miñas prioridades seguirán sempre sendo outras, naturalmente.