Na procura dun Goberno galego

OPINIÓN

27 may 2019 . Actualizado a las 03:18 h.

Galiza: 29.574,8 kilómetros cadrados; 2.701.743 habitantes (outros tantos fóra, con perda continuada de poboación desde o derradeiro terzo do XIX); 313 concellos; catro provincias e outras tantas deputacións; catro subdelegacións do Goberno español máis a delegación xeral; Xunta; Goberno do Estado; Unión Europea; OTAN; FMI... Seguimos? Nesta faramalla institucional, u-lo Goberno desde e para a Galiza (non en). Hai cen anos, lembremos, o Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, promovido polas Irmandades da Fala, enuncia as «Facultades do Poder Galego»: desde todas as funcións administrativas até o réxime tributario, pasando polos ferrocarrís, correos e telégrafos ou a potestade docente. Un século despois, o panorama é ben diferente ao que deseña este marco: problemas evitábeis ou con solucións factíbeis non se resolven; outros son de resolución imposíbel (por imposibilitada) no actual marco constitucional-estatutario. En estrutura xerárquica ao xeito militar, eclesiástico ou xudicial, a Galiza continúa presa de decisións exteriores e superiores a ela mesma, nunha roda de dependencia que impide ou entorpece decote un desenvolvemento posíbel dos nosos recursos e capacidades. A UE (que non Europa: acaso Noruega, Suíza ou Rusia non son europeas?) impón a súa disciplina orzamentaria e política, aplicadamente acatada polo Estado español e levada até o segmento máis pequeno da serie, os concellos (financiamento, contratacións, obra pública...); concellos e provincias tan modernos na súa planta que responden a unha partición arbitraria e allea determinada desde os ministerios españois do século XIX.

Quen manda na Galiza, logo? A dependencia das institucións citadas é o pan noso de cada día. Capataces submisos ou servos compracidos é o que se espera que sexamos: xestionarmos o que se nos dá, o que se nos permite. A globalización non tolera pobos específicos, non admite distincións que alteren a súa política homoxeneizadora e imperial. Eppur si muove...: isto é, o pobo galego existe e, como tal, ten dereito a institucións de goberno internas merecentes de tal nome, como o ten a practicar o triplo «v»: dereito de voz, de voto e de veto e non a resignarse ao triplo «r»: reducir, reprimir, regular.

Así estamos. Por iso, é ben alentador comprobar como, nestas eleccións, a conciencia galega aumentou e se estendeu por todo o país. Hai vida humana fóra da transferencia de voto PP-PSOE e adláteres. Hai moita vida galega que late ao compás dunhas necesidades e dunhas aspiracións sociopolíticas que o BNG representa desde o seu nacemento. Na procura dun Goberno galego.

?