Punto de inflexión e fin do ciclo de Feijoo

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero PSDEG-PSOE

OPINIÓN

27 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As eleccións xerais do 28 de abril marcaron un punto de inflexión na historia da política galega, porque os socialistas convertémonos na primeira forza política de Galicia. Agora, o resultado das eleccións europeas e municipais referendan que estamos nun novo ciclo político no país, e que hai unha nova maioría social de progreso en Galicia liderada polo PSdeG.

Os socialistas acadamos medio millón de votos nestas eleccións europeas e municipais, e somos o partido que avanza e lidera a posibilidade dunha Galicia de oportunidades. O PSdeG gaña os comicios europeos en Galicia e acadamos máis concelleiros e alcaldías. As sete grandes cidades teñen maioría progresista, e corresponde aos socialistas marcar o pulo urbano de Galicia. A Galicia máis dinámica apostou polos socialistas e suspendeu a Feijóo e ao PP.

Nos pequenos concellos, nas vilas intermedias e na Galicia interior os socialistas somos a forza que crece mentres o PP de Feijóo perde posicións. O avance do socialismo é a senda para construír unha Galicia mellor. O tempo das maiorías do PP chegou ao seu fin e Feijoo atópase ante unha debacle, unha hecatombe electoral, que muda o tempo político. O PSOE abriu un novo ciclo con Pedro Sánchez á fronte, e os socialistas galegos pularemos por un proxecto progresista que, dende Galicia, confirme os avances sociais iniciados nesta etapa fronte aos riscos de involución que supoñen a dereita e a ultradereita.