Vinte anos non son nada

OPINIÓN

11 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin con moito interese a entrevista ao director do Guggenheim de Bilbao. Nela, confesa que non chegou a entender ben os obxectivos da Cidade da Cultura. Fíxome sorrir, lembrando vellos tempos. Hai vinte anos, dous despois de se inaugurar o museo de Bilbao, a mención deste como xustificación imitativa do proxecto galego era constante. Contestabamos nós, en solitario, que un e outro non tiñan nada a ver. O bilbaíno nacera da concesión dunha franquía, a do potente museo neoiorquino que lle dá nome; contaba con financiamento público e privado; cumpría, en fin, o desexado aggiornamento dunha cidade como Bilbao, despoxada de industria e precisada dun atractivo urbano que o compensase. Nengunha destas condicións concorría en Compostela, toda ela, per se, cidade cultural, cun imponente patrimonio histórico-artístico que cumpría mesmamente dar a coñecer en toda a súa integridade, para alén do artefacto do Xacobeo, por non falarmos do nome, tradución directa da Città della Cultura mussoliniana.

Na xestación deste enxendro, pergunteille, nun café informal, ao daquela conselleiro de Economía, o finado señor Orza: «como pensades financiar semellante obra?; cando ides definir o contido dun continente tan caro?» Respondeume que, desde logo, con cofinanciamento privado; o público non abondaría.

Perdín a voz naqueles anos a denunciar unha macro-obra inútil e que había de bloquear por anos orzamentos precisos para moitas necesidades culturais: a atención do patrimonio; o teatro; o audiovisual; os museos xa existentes... Recebín, en sede parlamentaria, mil invectivas, incluídos ex-abruptos do señor Pérez Varela (el é o autor da confusión das «churras» coas «meninas», que lle eu aclarei, sen éxito), na altura conselleiro de Cultura e totalitario xustificador da obra, desde o contrato multimillonario de Eisenman até o baile de contidos que nunca se acababan de concretar.

Canto diñeiro público se enterrou neste dislate? Quen responde del? Unha vez ergueitos os edificios actuais, a que serven? Ula, a grande pinacoteca galega? Unha biblioteca ou unha hemeroteca nacionais? Cantas máis novenas haberá que rezar para podermos contemplar, en cantidade e variedade significativas, a obra inmensa de Castelao? Vinte anos non son nada: non os do tango, senón os que marcan a parsimonia dun cambio cultural na Galiza (fulminantes son, en troca, as decisións que nos prexudican). Xulgue quen ler, vinte anos despois, o resultado.