Coches e microchips

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica a maior revolución do século XX é a da dixitalización, e o maior xenio deses tempos, Paul Shannon, non Albert Einstein: hoxe o peso social da industria electrónica supera con moito o da enerxía atómica. Voltemos aos anos 60, a cando xurdiron os transistores (receptores con transistores en lugar das válvulas de baleiro) e lembremos como o aparello arredor do que se xuntaba a familia pasou a ser un trebello que collía na man.

Nos anos 70 xa se vulgarizaban os chips, pastillas de silicio que integraban múltiples diodos e transistores. En paralelo, os procesos íanse dixitalizando e aplicando ás telecomunicacións e á industria en xeral. Desde entón os chips fóronse reducindo de tamaño en canto aumentaba a cantidade de elementos discretos que integraban. Hoxe calquera coche dixitalizado sería incapaz de transportar o seu equipamento electrónico baseado en válvulas de baleiro. E así chegamos ao grave problema do que viñan alertando os profesionais da telemática: deixouse que os grandes copións barateiros da tecnoloxía, os chineses, ficasen sós na fabricación dos microchips que todo gobernan; os fabricantes de Europa, os EE.UU. e Xapón recuaron. Solución? Que os políticos devotos do liberalismo absoluto vexan os microchips como produtos masivos de supervivencia no século XXI.