Racistas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

REDUAN | Efe

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembran aquilo que pasou en Ceuta? Sen solución de continuidade, pasamos de falar dun problema humanitario de primeira orde a centrarnos nunha absurda manifestación fake. Tan fake é, que os políticos con sona de moderados puxeron os seus equipos creativos a procurar bonitas escusas para xustificar non ir ao lugar onde ningún demócrata lles pide que vaian, quizais por covardes, ou por non saber matar o pai e renegar do fascismo. E aí os están, señores de gravata e señoras de colar de perlas no medio do lolololo futboleiro, aclarando coma nunca para que serve a política con título -de máster e/ou nobiliar-.

As formas da dereita instaláronse perigosamente na falsidade tipo Trump, esa trampa en que cae sempre quen basea o seu éxito na simpleza emotiva de mensaxes ás que un tuit lles queda grande. Neste caso mesmo é facilmente desmontábel: un indulto non é unha medida ilegal, senón unha ferramenta legal empregada en non poucas ocasións, facilmente rastrexábeis na memoria recente e na hemeroteca, para resolver asuntos bastante menos importantes cá trapallada dos presos do procés, provocada polos mesmos que agora se acompañan dos grupos de extrema dereita que convocan.

Si, hai unha continuidade entre aquilo de Ceuta e a manifestación contra os indultos aos presos do procés: o PP sairá á rúa da man dos mesmos que fixeron do racismo supremacista o sinal de identidade dunha España vergoñenta, capaz de deixar a nenos e persoas sen recursos ao albedrío das mafias, a pobreza, a violencia e a represión gobernamental. Pódese facer dúas cousas: buscar escusas ou sinalar a indecencia. Os xestos de dignidade democrática tamén son políticos e definen os políticos que non se atreven a exercelos.