Muíños mariños

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

NAVANTIA

30 jun 2021 . Actualizado a las 19:46 h.

Galicia é unha grande potencia eólica. Iso xa se sabía hai corenta anos, cando xurdiran iniciativas pioneiras coma a de Gaélico; mais daquela ninguén albiscaría o crecemento das máquinas captoras de tanta enerxía verde: as súas potencias multiplicáronse por 100, e fixéronse competidoras en altura da Torre Eiffel. Hoxe percorre o país un virxinismo non exento de razóns. Hai que ter en conta o coidado que o medio ambiente merece; e o «xusto retorno socio-económico» na era da electrificación. Porén a fin da terra europea ten espazo dabondo para moitos parques eólicos axeitados, sendo un dos puntos principais para o seu axeitamento o non produciren interferencias cos sistemas de telecomunicación e telelocalización. Malia o espazo sobrante en terra, agora xorden os «muíños mariños», que son os de maior tamaño. Os case 1.500 kilómetros de costa galega ofrecen zonas moi tentadoras para parques eólicos ancorados ou erguidos sobre puntais. E de aí vén unha urxencia: comprobar que a presenza dos xigantes non afecta nin ao radar nin á goniometría das embarcacións. Cómpre un estudo específico. Se non, habemos chorar.