A bordo do Ipanema

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1939 o Goberno mexicano presidido polo xeneral Lázaro Cárdenas, coa colaboración do Goberno da República española no exilio e o Servizo de Evacuación de Refuxiados (SERE), fretou tres barcos para transportar familias dende Francia á república americana, a meirande parte delas rescatadas dos campos de concentración onde sobrevivían, logo de fuxir da desfeita da Guerra Civil. Un deses barcos, un cargueiro habilitado para transporte de persoas, era o Ipanema. Nel viaxaba cara ao exilio Florencio Delgado Gurriarán. 

Hai unha fotografía onde aparecen os refuxiados deitados da cuberta, e unha fermosa crónica da viaxe asinada por unha das fillas dos viaxeiros (Azucena Rodríguez) tirada do xornal que rudimentariamente publicaban a bordo, co nome do propio barco (26 números). Seica cando o paquebote pasou por diante das costas de Fisterra, segundo conta o xornal, os galegos recitaron moi solemnemente poemas, botaron discursos «en su lengua» e cantaron o Himno. Todos pensaban volver. Na fotografía aparecen, ademais de Delgado Gurriarán, Roxelio Rodríguez de Bretaña, un dos animadores do Patronato da Cultura Galega de México (1956) e do programa radial Hora de Galicia, que durante dúas décadas se emitiu ininterrompidamente nas mañás dos domingos; Ramón Cabanillas Álvarez, fillo do «poeta da raza», xornalista e poeta el tamén, Elixio Rodríguez, un dos promotores de Vieiros e autor do libro de memorias Matádeo mañá, Xusto Couto, Carlos Tomé, Johán Lope Durá, Sarafin Ferro

O Ipanema era o segundo barco que promovía o Goberno de México. Con anterioridade xa acollera medio millar de nenos refuxiados. Nese mesmo ano no Sinaia viaxaron 307 familias, e no Mexique 2.200 persoas. Hubo algúns outros despois, a principios da década dos anos 40. En total case que 30.000 refuxiados. A figura de Lázaro Cárdenas del Río, home de esquerdas, foi fundamental para aquela operación solidaria.

Cando a Real Academia Galega escolleu a Florencio Delgado Gurriarán para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022, no pensaba só nun poeta, nin sequera nun activista a prol do galeguismo, a lingua e a cultura nosa. Pensabamos tamén naqueles refuxiados do Ipanema, o Sinaia, o Mexique, o Flandra, o Nyassa, o Serpa Pinto, na ruta arriscada entre os submarinos alemáns, os nenos e as familias a bordo, e no exemplo do goberno mexicano naquelas horas terribles, que ben podemos consideralo nos tempos de hoxe, tan semellante en moitas cousas. México salvoulle a vida a miles de refixiados nosos. Xunto con Buenos Aires son as grandes referencias daquelas datas. Nunca as nosas letras visitaran esta parte da memoria: Carlos Velo, os irmáns Bilbatúa, Alejandro Finisterre, Arturo Souto, Francisco Comesaña e Ascensión Concheiro, que inspiraron O lápiz do carpinteiro de Manuel Rivas, Osorio Tafall, Luis Soto, Xesús Bal y Gay, Alejandro Otero, Xesús Dopico, Manuel Porteiro, Marcial Fernández… Todos están aquí.