Estradas radiantes

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

VÍTOR MEJUTO

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz está a seguir fenómenos tecnolóxicos da automoción que nos levan a ollar para diante: a electrificación dos vehículos, a súa telematización e a adición de intelixencia. Sabemos da escaseza de circuítos integrados e as paradas nas liñas de produción; mais, alén dese problema (se cadra, puntual) hai outro de fondo que aínda non se deu resolvido: o da carga e acumulación de enerxía eléctrica.

Cómpre que aumente a capacidade dos acumuladores mentres diminúan o seu peso e o tempo de carga. Canto aos métodos de carga, aumenta sen parar a eficiencia da conexión directa -con cabo- entre fonte de electricidade e batería; e, no entanto, toma forma a indución eléctrica, que xa se popularizou para os teléfonos móbiles.

Experiméntase -con bos resultados- a carga estática: o vehículo leva unha bobina receptora e, quieto preto dunha bobina emisora, recibe a enerxía. Ora, xa se traballa na carga dinámica: albíscanse estradas futuras con sistemas radiantes -no chan ou nas beiras- que vaian recargando os acumuladores dos vehículos ao paso pola súa proximidade. A 5G (quinta xeración da comunicación celular) pode permitir que ao dono de cada vehículo lle chegue a conta da enerxía sen ter que deterse a cargar nin a pagar nas electrolineiras, como hoxe lle chegan os cargos das peaxes. Cousas veremos.