Fragatas teledisuasorias

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

KOPA

28 jul 2021 . Actualizado a las 08:14 h.

Nunha Historia das Telecomunicacións Galegas non poderá faltar o capítulo dedicado á división de Electrónica e Armas da E.N. Bazán. Nela concentrouse o maior nivel de coñecementos telemáticos en Galicia cando se comezaba a falar da «guerra electrónica». Cinco décadas despois, os herdeiros daquela sabedoría aplicable a un navío de guerra traballan en Navantia no proxecto das fragatas F110.

As fragatas do século XVIII precisaban trescentos homes para manexaren as velas e os canóns, con vixías e telescopios no tope dos mastros. As do XXI levan mísiles e son indetectables para radar, sonar e sensores térmicos. Tripúlanas cento cincuenta persoas, das que trinta son especialistas no uso da telemática máis complexa presente en calquera sistema: nin unha central nuclear nin un barco gaseiro teñen tal cantidade de aparellaxe onde xoguen a electrónica, a informática e as telecomunicacións. Nada disto fica por instalar nunha fragata «disuasoria». O seu poder de captación e xestión de datos é tal que chega a «manipular» as partes do espectro radioeléctrico que afectan o inimigo.

No custo final destes navíos a telemática pode chegar a un 60 %. Para bellum: a Armada, Navantia e as universidades galegas teñen pendente a coordinación total do fluxo de coñecemento neste eido crítico para a paz no mundo.