«Lonxawapp»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

XAIME RAMALLAL

11 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz é celosa do seu libro de estilo. Esperemos logo que admita un neoloxismo -o que dá título a este artigo- sobre un novo fenómeno comercial baseado nos avances das telecomunicacións. «Lonxawapp» provén de xuntar o termo lonxa coa abreviatura de WhatsApp, servizo de transmisión en modo multimedia.

 Haberá por volta de cinco lustros, os responsables da lonxa de Celeiro tentaban un adianto: o uso da comunicación vía satélite para enviar desde os barcos á terra os contidos clasificados da marea; de tal xeito aceleraríase os procesos de colocación de produtos a compradores-distribuidores por mercados e a clientes finais. Nesa altura a telefonía móbil celular só soportaba voz e texto e as súas estacións base de radio non cubrían as augas costeiras alén das contornas das vilas.

Hoxe, cando esas augas están ben radio cubertas, o panorama é diferente: os barcos de baixura dispoñen dun instrumento alternativo á lonxa. Rematada a pesca da xornada, clasificado peixe e marisco, pódese proceder a fotografalo (ou gravalo en vídeo) e amosalo por WhatsApp a diferentes clientes únicos ou a grupos deles, discutir prezos mentres se volve á terra e, daquela, proceder a entregas e cobros. Velaí como cada armador con habilidades telemáticas dispón dun servizo de microlonxa, sen intermediarios.