Antíxenos e traducións

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

J.J. Guillén

06 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Recolleu La Voz unha polémica que non debería existir tendo en conta os avances en medios de tradución automática. Desde os anos 70 do século pasado comezou un traballo de codificación do idioma galego, en estado «silvestre» (segundo don Ricardo Carvalho) durante séculos de abandono por razóns ben coñecidas. O seu estado actual é excelente para dúas normativas, a da Academia Galega e a da AGAL.

 Cando unha lingua escrita está tan claramente fixada, é sinxela a aplicación de medios telemáticos para a súa tradución a outra nas mesmas condicións: código A fronte a código B. Indo á polémica, a tradución do galego para o inglés é algo ben afinado por Imaxin desde hai ben anos. O caso é querer traducir; e chega esta nova cando nos eidos da literatura se está a falar dos dous novos avances que ofrece a intelixencia artificial: tradución «universal» e mesmo creación de audiolibros con voces atribuídas aos personaxes e ao narrador (ou narradores). Soberbios, os británicos parten de que o seu idioma é a «lingua franca» do mundo (grazas ao inmenso poder creador dos EE.UU., non da Inglaterra). Porén, con iso, neste caso só demostrarían ignorancia nas TIC... se non fose porque o problema, se cadra, non ten que ver con cuestións de idioma mais de validez dun certificado fóra do país onde se emitiu.