De encoros, do BNG... e non de Fenosa

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ana Garcia

07 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O curso político comeza con dous asuntos interesantes que remiten ao futuro e ao pasado. O baleirado dos encoros polas empresas hidroeléctricas contén todos os elementos para unha película sobre o poder en Galicia, onde reside, quen quere e quen non quere exercelo... Polo de agora estamos na fase do planteamento narrativo do film, o misterio, as pistas falsas dos protagonistas envolven en brétema o asunto, os que abriron as comportas calan coma petos, mentres quen manda di que el non foi que foi o outro que tamén manda. Pero todos sabemos que a pista principal é a do diñeiro, porque todos pagamos máis pola luz e alguén gaña máis co que pagamos. Aínda que o público disimule ben coñece o desenlace. Aí é onde entra o pasado e a memoria dos conflitos que acompañaron a construción dos encoros, primeiro Portomarín e logo Castrelo de Miño, despois toucoulle ás Encrobas seguir parello destino. Antes e despois uns cantos máis.

Nos anos setenta alguén inventou un berro con éxito, «a Terra é nosa e non de Fenosa». Puido ser o recen finado Ramón Muñiz ou o lembrado crego Moncho Valcarce, mesmo algún veciño ou veciña dos que protagonizaron as protestas daquela. Ese berro fundiu o galeguismo coa reivindicación agraria como nunca antes acontecera en Galicia. Aquelas mobilizacións, que incluíron a oposición á central nuclear de Xove ou ás celulosas, fertilizaron unha forma de entender a política ligada á terra e o medio e unha cultura popular de mobilización nacionalista que chega ata hoxe impregnando boa parte da sociedade. A autora daquel berro puido ser tamén Pencha Santasmarinas ou vai saber quen; daquela o nacionalismo era moi plural. O fenómeno Nunca Máis non se entendería sen aquela guía previa.

Na exposición da Xunta sobre os corenta anos de autonomía hai unha foto do primeiro Parlamento na que se distingue un orador falando na Tribuna, é Camilo Nogueira. Normal. Tanto na letra como na voz aquel Parlamento foi seu. Entre mobilización e acción institucional o nacionalismo chegou ata aquí con moitas idas e voltas. Tantas que o mito de Sísifo ven á cabeza. Tantas que a intelixente chamada de atención de Ana Pontón sobre pararse a pensar o futuro devolve ao BNG aos tempos de Riazor ou ao Carballiño e os lugares comúns con que algúns lle contestan poden lerse coas mesmas frases dende a década dos oitenta. Ensanchar a base, superar inercias, optar a gobernar Galicia parece resumir a reflexión de Pontón. O seu traballado éxito, sendo fundamental e case asombroso non é novo e do que ela di dedúcese que o sabe. Tamén coñece ben todos os cadáveres exquisitos que a precederon. A súa reflexión, ademais de intelixente parece necesaria se do que se trata é de lograr un relevo no goberno galego. A alternancia que garante a democracia. O nacionalismo en Galicia conforma unha cultura política que sempre foi moito máis alá dos partidos. Quen o aproveite democraticamente xa é outra cousa.