Libros na nube

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

12 nov 2021 . Actualizado a las 20:09 h.

Volvendo a algo recorrente mais inevitable, non sabemos se o mundo estaba a piques dunha revolución xeral de costumes en función dos distintos avances tecnolóxicos ou se a provocou a pandemia vírica do covid. O feito é que a literatura segue curso en termos de creación mais mudou radicalmente de rumbo canto á maneira de se transmitir entre o autor e o lector; e, aínda máis, de que o lector manifeste o que pensa e sente sobre o lido.

Nunca vai pasar das nosas querenzas a calidez dunha librería ben fornecida (canto máis se é unha librería-café ao xeito das famosas), mais a telemática impúxose como necesidade primaria nas nosas vidas; e, ao tempo, agora aparece a pantasma da falta de papel e a suba de prezos dos libros impresos.

A informática e as telecomunicacións permiten que se produza a edición de libros sen necesidade de usar para nada o papel, nin en documentos comerciais nin na impresión. As plataformas de difusión global (Amazon, Google Play, Kobo, StreetLib...) colocan textos polo mundo en dispositivos electrónicos.

E aparece un novo fenómeno: eses textos non se descargan por completo no móbil ou no ordenador. Onde lle cadre, o lector conecta coa «nube» para «baixar» as páxinas que lle apetece ler de cada libro; e o autor logo cobra dereitos por páxina descargada.

¿Quen imaxinaría isto hai só dez anos?