Vergoña de voar

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Cabalar | Efe

02 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Compostela. Xuntanza de enxeñeiros aeronáuticos e de telecomunicación. Motivo: sistemas de comunicación terra-aire para drons. Un aeronáutico asevera «dádeme potencia e fago voar a catedral», co que desencadea unha deriva coloquial: ¿pódese pensar nun ceo limpo de contaminación por dióxido de carbono? Resposta rotunda: ¡non! Co estado en que se acha hoxe a tecnoloxía aeroespacial só se contemplan dúas posibilidades de propulsión, a base de acumuladores de enerxía eléctrica ou usando hidróxeno como combustible. No primeiro caso, non confundamos un dron de pequena autonomía cun avión transoceánico, que nin levantaría voo polo peso das baterías necesarias. No segundo, o hidróxeno líquido precisa de moita enerxía para se manter así nos depósitos; e en forma gasosa, duns volumes para eles que obriga a mudar o concepto da máquina voadora.

Os suecos verdes inventaron un termo concienciador: flygskam, vergoña de voar. Para salvarmos a boliña azul, cómpre deixarse de voos, ou polo menos reducilos drasticamente. E como paliativo non se ve outro que o proposto na xuntanza de Compostela polos de telecomunicación: aumentar máis aínda o teleencontro virtual entre os humanos, potenciar a loxística por vía telemática e viaxar por terra ou mar con propulsión eléctrica ou híbrida infooptimizada.