Morte por suicidio

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

JUAN CARLOS HIDALGO

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Igual que metemos o po baixo a alfombra porque, no fondo, non nos importa vivir na merda, tamén xeramos absurdas crenzas sobre o suicidio, porque nos avergoña non lograr que, para as persoas suicidas, vivir sexa menos doloroso que morrer. Por iso só as suicidas aparecen e son atopadas, pois só as suicidas dan na tecla da nosa mala conciencia: en cada unha desas mortes radica o fracaso dun contorno que non logrou coidar ata evitar a inmensa dor de vivir provocada pola enfermidade mental, de certo, a causa última do suicidio.

E que faciamos cando a suicida estaba viva? Nada. Só observala con certo morbo condescendente, ás veces case ata divertido, que é o que ten a exhibición pública da loucura. «Que mal está esta señora», diciamos sobre Verónica Forqué, nunha mestura entre o alivio por non sermos nós e a curiosidade por ver na tele o mal alleo. Pero non confundan, non provocou o seu suicidio un reality que, claramente, converteu en xiro de guión a súa enfermidade mental. Ao suicidio chégase tras un esgotador calvario de incomprensións e medos, e iso non cabe en frases de manual barato do tipo «se queres, podes». Por definición, unha suicida quere pero non pode, e non hai nada máis condenadamente doloroso que esa banalización da súa vontade. Que máis quixera que poder!

Non se pode detectar o que non se coñece, e é difícil coñecer algo que nin se nomea. Non é que Forqué aparecese morta nin que estivese cansa de vivir: é que estaba enferma, e a súa enfermidade acabou con ela. Coma un cancro ou un accidente. Coma esas cousas que tratamos de atallar antes de que maten a quen amamos... agás no caso da enfermidade mental. Forqué morreu por suicidio. Non sigamos agochando isto baixo a alfombra.