Grinch en corentena

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Kevin Lamarque

26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba decididísima nesta columna natalicia a dar corda ao meu afán augafestas —Grinch, para os máis novos— preguntándome por que o Goberno non suspendía dunha vez o Nadal, cando se me cruzaron no camiño, coma un ciclón, a morte de Didion e unha corentena.

Velaí a solución definitiva ao meu mal de moitos: que todos se contaxien mentres cantan a voz en grito o Burrito sabanero con outros vinte derredor dunha mesa, que xa eu desenferruxo un chándal que non poño desde marzo de 2020 e quedo na casa exercendo o responsábel pracer de cear espaguetes e aplicar ao cuñadismo o mesmo interese recuperador que ao discurso do rei.

Aprendín o que era o Nadal millenial lendo a Joan Didion, que, cunha intelixencia tan doce coma fría, explicábanos en O ano do pensamento máxico a vida aquén da familia, aí onde non proceden os alardes nin as convencións, senón o puro amor que non precisa mesas decoradas nin obrigas, e menos nos tempos de Zoom.

Non se me ocorre lectura máis acaída para este Nadal de ausencias polo covid que ese libro no que Didion explica o dó pola morte repentina do seu home, iluminando coa súa prosa as dores que se debruzan sobre as mesas onde se finxen alegrías.

Coma se a peste non nos asolagase xa.

Así que volvo ás miñas pretensións primeiras. Pode que queiramos usar ese pensamento que se chama máxico, pero é absurdamente infantil, e facer coma quen que nada pasa para ver se así borramos as perdas e paramos o tempo. Só é a nosa ancestral idiotez.

Despois de dous anos de saberes aprendidos, preferimos esperar a que nos prohiban o Nadal, antes de entender que a vida era isto: cousas que de verdade pasan entre un fin de ano e outro máis, imposíbeis de agochar por moitas luces led e bólas de cores que poñamos.