Verdades, evidencias e a lóxica dos feitos

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

23 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Una cosa es la verdad y otra cosa muy distinta, la evidencia. Por si fuera poco, una cosa es la evidencia, y otra cosa muy distinta, la lógica de los hechos». É unha das reflexións de Tomi Guerra, un dos tertulianos protagonistas da novela La conspiración de los conspiranoicos, coa que Felipe Benítez Reyes satiriza, moi en serio, algunhas das actitudes sociais e políticas observables ultimamente na nosa sociedade.

Ao longo das dúas últimas semanas unha ducia de expertos en economía pública compareceron no Parlamento de Galicia, e deixaron unha evidencia: A renda por habitante de Galicia é inferior á media española; en cambio, o custe da prestación dos servizos públicos é superior (fundamentalmente pola dispersión da poboación e o seu maior envellecemento). Como consecuencia, os galegos beneficiámonos dun Estado do benestar que, como o noso, financia a sanidade pública universal, a educación obrigatoria gratuíta, e a prestación con recursos públicos de diversos servizos sociais a través dun sistema fiscal progresivo. E beneficiámonos dobremente. A nivel persoal, porque a renda bruta que os galegos xeramos está significativa e comparativamente por baixo da que dispoñemos unha vez pagados os tributos e recibidas as transferencias públicas de todas as Administracións, como as pensións. E territorialmente, porque a Xunta dispón dun financiamento por habitante superior ao que tería de facelo por si mesma, e non a través dun sistema como o vixente, dado que as bases fiscais galegas sobre as que establecer tributos son inferiores ás do conxunto de España. De forma coherente, os expertos afirmaron que estender un sistema de financiamento de tipo foral a Galicia (e, con moito máis motivo, a todas as autonomías) nos prexudicaría gravemente; e que o proceso de descentralización de novos tributos, no Estado fiscalmente máis descentralizado de Europa, poría en serio risco a sostenibilidade do Estado de Benestar en toda España, e particularmente en Galicia.

Certamente, na comisión tamén se manifestaron outras verdades, no senso que ao termo «verdad» lle da a Real Academia Española na súa cuarta acepción: proposicións que non se poden negar racionalmente. Por exemplo, a de que ao ser Galicia unha nación debería ter unha soberanía fiscal completa; frase que en si mesma contén dúas verdades perfectamente contestables coas súas verdades opostas. Verdades que en ningún caso poden negar a evidencia de que tal aventura nos custaría moitos centos de millóns de euros de ingresos anuais a familias e Xunta. Non se trata de negar o dereito de ninguén a defender ideoloxicamente a soberanía fiscal galega: simplemente de ser conscientes de que, de avanzarse cara esa soberanía, perderíamos moitos recursos e benestar.

A frase de Tomi Guerra é traída a colación cando o «racionalista» da novela de Benítez lle fai notar aos tertulianos que resulta absurdo pensar que os magnates das redes sociais queren introducir un chip a través das vacinas contra o covid para controlar a poboación. Especialmente a eles, que non deixan de se enviar polo teléfono chistes varios e fotos de mulleres núas. Tan absurdo como pensar que cun modelo de financiamento soberanista Galicia obtería máis recursos dos que obtén cun modelo como o vixente, que por moitos axustes que precise (e os precisa), non deixa de obedecer á lóxica redistributiva dun moderno Estado do benestar, e por tanto beneficia ás comunidades que, como a galega, teñen menos recursos e máis necesidades. Salvo que un crea que unha cousa é a verdade, outra a evidencia, e outra moi distinta a lóxica dos feitos.